A CIG Ensino denuncia a redución do 69% no orzamento para as axudas aos equipos de normalización
Pola vía orzamentaria esta orde impide a realización de actividades de normalización durante todo o primeiro trimestre de curso
Os orzamentos destinados a proxectos de normalización da nosa lingua nos centros sufriron un duro revés desde a chegada do Partido popular ao goberno da Xunta de Galiza. Desde entón, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, procedeuse a un primeiro recorte das axudas que quedaron fixadas en 800.000€. A CIG-Ensino denunciara no seu día a redución dun 20% do orzamento destinado aos Equipos de Normalización Lingüística, pois fronte ao millón de euros asignados para o curso 2008-2009, no cursos 2009-2010 e 2010-2011 a partida orzamentaria soamente acadaba os 800.000€.
Mais para o curso 2011-2012 aínda empeorou moito máis a situación. Primeiro, produciuse un atraso excesivo e premeditado na convocatoria, o curso en que máis tarde se realiza. Segundo, impídese a realización de actividades no primeiro trimestre, setembro 2011-decembro 2011, pois a convocatoria sinala taxativamente que só se aceptarán facturas do ano 2012 (até o 30 de xuño). E terceiro, o orzamento total redúcese nun 69% pois pasa a ser soamente de 250.000€, 550.000€ menos ca nas convocatorias dos dous cursos anteriores e 750.000 € menos ca nas partidas asignadas antes da chegada do PP á Xunta.
Evidentemente isto ten dúas consecuencias extremadamente negativas:
- prohibición indirecta, vía orzamentaria, da realización de proxectos de normalización no primeiro trimestre do curso.
- redución moi significativa do número de centro que se poderán beneficiar destas axudas. O ano pasado foron 935 centros os que se puideron acoller a estas axudas, cunha dotación media de 853€
| centros aos que se lles concede axuda | Importe total da axuda concedida aos centros |
A Coruña | 343 | 278.840 |
Lugo | 130 | 90.982 |
Ourense | 117 | 84.987 |
Pontevedra | 345 | 342.939 |
Galiza | 935 | 797.748 |
Ao tempo redúcese a contía máxima que poden recibir os centros e se incrementa a puntuación necesaria para recibir directamente as axudas (pasa de 20 a 22 puntos). A redución na contía máxima por centro distribúese do seguinte xeito:
| curso 2010-11 | curso 2011-12 | redución | Valor porcentual da redución |
Centros con matrícula superior a 50 alumnos/as | 2000 | 1250 | -750 | (37,5%) |
Centros con matrícula de 25 a 50 alumnos/as | 500 | 300 | -200 | (40%) |
Centros con matrícula inferior a 25 alumnos/as | 350 | 150 | -200 | (57,14%) |
A CIG-Ensino denuncia que o atraso na convocatoria e os recortes que recolle son unha proba máis de que esta Consellaría de Educación ten un obxectivo claro: procurar a desaparición do noso idioma nos centros educativos e, por extensión, na sociedade galega.