A CIG-Ensino denuncia a discriminación que sofre o alumnado galego ao non poder examinarse dalgunha das materias optativas do Bacharelato

Esíxelle á Consellaría de Educación unha solución para que a elección do currículo non se vexa afectada por criterios que non son pedagóxicos

A CIG-Ensino denuncia a situación de discriminación que vive o alumnado galego ao non se poder examinar na proba de acceso á Universidade dalgunha das optativas do currículo de Bacharelato en Galiza. Esta prescrición aféctalle a materias como Historia de Galiza, Literatura Galega do s. XX, Literaturas hispánicas ou Xeoloxía e tamén ás linguas estranxeiras cursadas como optativas, en concreto, o portugués.

Este feito é unha discriminación destas materias e do alumnado que as cursa. Para o alumnado porque non ten as mesmas oportunidades. Na fase específica contémplase que o alumando poida examinarse de até tres materias, téndolle en conta soamente as dúas mellores cualificacións. Mais o alumnado que escolleu unha das materias antes mencionadas non pode examinarse delas, co cal non ten a opción de escoller as dúas mellores cualificacións. Para as materias e para os centros que as ofertan, esta discriminación pode traducirse en perda de alumnado e, en consecuencia, en desaparición da materia. Debe terse en conta que esta oferta de optativas está realizada en base a ofertar ao alumnado unha formación específica que lle permita seguir unha formación o máis achegada posíbel ao que serán os seus estudos universitarios, criterio que debe ser o que prevaleza en todo caso.

 

A CIG-Ensino vaise dirixir á Consellaría de Educación para que atope unha solución a esta situación de discriminación, procurando as modificacións legais oportunas para que estas materias formen parte do cadro de probas que na fase específica pode realizar o alumnado, de tal xeito que todas e todos os alumnos teñan as mesmas oportunidades, se respecte o currículo galego de Bacharelato e a elección de materias por parte do alumnado non se vexa afectada por criterios non pedagóxicos.

 

Volver