A CIG-Ensino demanda dos reitores das tres universidades un complemento até o 100% para as baixas do PDI funcionario

Os representantes da CIG-Ensino nas Xuntas de Persoal do PDI das tres universidades galegas veñen de dirixir senllos escritos aos reitores

No escrito solicitan que se poña fin a unha discriminación que continúa a ter o funcionariado docente da UDC, a USC e a UVigo nas baixas posteriores a 90 días.

A ofensiva contra ás empregadas e empregados públicos nos últimos anos trouxo consigo diferentes recortes tanto nas condicións de traballo como nas retribucións que percibimos.Un destes recortes foi a penalización por enfermar introducida polo goberno de Rajoy no Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade.

O PDI funcionario, que é persoal mutualista obrigatorio de MUFACE, percibe a partir do 90º día de baixa unha prestación ou subsidio por parte de MUFACE. A contía deste subsidio, sumada á que paga a universidade coas retribucións básicas, resulta inferior ao 100% das retribucións que debería percibir de estar de alta. Esta situación non se produce no caso do PDI Laboral xa que no momento de vixencia do RDL 20/2012 cobraba o 100% após o dia 20 de baixa, o que claramente contravén a propia norma que indicaba que “en ningún caso os funcionarios adscritos aos réximes especiais da Seguridade Social xestionados polo mutualismo administrativo poderán percibir unha cantidade inferior en situación de incapacidade temporal por continxencias comúns á que corresponda aos funcionarios adscritos ao réxime xeral da Seguridade Social”.

Esta discriminación foi solventada xa para o persoal da Xunta de Galiza vinculado a MUFACE. Porén, ningunha das tres universidades deu aínda os pasos necesarios para rematar con esa discriminación. Neste momento as Universidade galegas complementan a todo o persoal do Réxime Xeral co 100% das retribucións desde o 1º día da baixa, logo da anulación dos recortes implantados no Real Decreto lei 20/2012 mais aínda se mantén a diferenza retributiva co persoal mutualista de MUFACE.

No escrito remitido aos tres reitores a CIG-Ensino solicita que se tomen á maior brevidade posíbel as seguintes medidas:

  • Aprobación dun Complemento por Licenza de Enfermidade que cubra a diferenza entre as retribucións que se cobraría estando de alta e a suma dos pagamentos das retribucións básicas que efectiviza a Universidade e o subsidio de MUFACE, até acadar o 100% das retribucións que lle corresponderían.
  • A revisión de oficio das persoas que están de baixa agora mesmo ou que o estiveron nos últimos cinco anos e o pagamento das diferenzas deixadas de percibir.

Volver