A CIG-Ensino defende no Consello Escolar do Estado a retirada da LOMCE

A CIG-Ensino cualifica de escandalosa a intención do ministro de que as comunidade autónomas sufraguen unha reforma que vai contra elas

Anxo Louzao, membro do Consello Escolar de Galiza, en representación da CIG, defendeu, hoxe, no Consello Escolar do Estado, un informe alternativo ao ditame deste organismo, solicitando a retirada da LOMCE. A CIG-Ensino, xunto con outras entidades e organizacións, rexeitou participar no debate das emendas parciais e, despois de defender un informe alternativo no que se explicaban as razóns desta solicitude, desistiu na medida en que todas as súas disposición son contrarias á defensa do ensino publico galego.

“Baixo ningún concepto se pode aprobar unha norma de consecuencias tan nocivas que poñan en tea de xuízo o dereito fundamental á educación, a igualdade de oportunidades e o dereito a termos un sistema educativo galego e, que pola contra, afonda na súa privatización, na expulsión das clases sociais máis desfavorecidas”, explicou Anxo Louzao. O informe alternativo defendido pola CIG-Ensino tivo 20 votos a favor, 53 en contra e 14 abstencións. Un resultado similar ao das outras organizacións que defenderon a retirada do anteproxecto.

Anxo Louzao solicitou a retirada do anteproxecto porque a LOMCE é unha lei que pretende adecuar o ensino aos principios neoliberais e avanzar na privatización, mercantilización, españolización e confesionalidade. Para a CIG-Ensino, a LOMCE conforma un sistema máis selectivo, elistista e clasista, que vai segregar o alumnado mediante itinerarios no ensino obrigatorio e que vai expulsar do mesmo os sectores máis desfavorecidos da sociedade.

A CIG-Ensino tamén quere denunciar a actitude do representante do Consello Escolar de Galiza, que actúa en nome do Conselleiro de Educación, por votar a favor do ditame sen ter levado, previamente, o anteproxecto de Lei ao Consello Escolar de Galiza para coñecer a posición do mesmo.  A CIG-Ensino cualifica de vergoñenta a actitude do Ministro Wert  que presentou onte a memoria económica sen sequera anexala ao proxecto que hoxe está sendo ditaminado. Máis grave é aínda que pretenda que os distintos gobernos autonómicos sufraguen unha contrarreforma que é totalmente ideolóxica, que invade as cativas competencias que temos e que pretende impor modelos lingüísticos que perseguen a exterminación da nosa lingua e a súa eliminación como lingua de ensino.

Toda a información sobre a LOMCE nesta ligazón

Podes consultar o informe alternativo presentado pola CIG-Ensino nesta ligazón

Volver