A CIG-Ensino convoca folga contra a LOMCE no ensino público para o próximo xoves 9 de maio

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que tamén convoca, realizará manifestacións e concentracións en todo o país

A CIG-Ensino anunciou este martes 16 de abril en rolda de prensa que convocará unha folga en todo o ensino público galego para o próximo 9 de maio. A CIG-Ensino xa advertiu no inicio do curso, diante da presentación do anteproxecto de LOMCE, que se o Ministerio de Educación non retiraba a proposta era necesaria unha folga no ensino. No interior da nova podes acceder aos lugares nos que se realizarán as mobilizacións convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público que anunciou este 18 de abril en rolda de prensa que tamén convoca a folga do 9 de maio.

A convocatoria desta folga chega despois de que a CIG-Ensino levara a cabo unha intensa campaña de información e debate sobre unha lei “perversa e nociva” para o ensino público galego. A CIG-Ensino realizou durante este curso máis de 1.500 asembleas nos centros de ensino para informar dos perigos da súa aprobación e  recolleu máis dez mil sinaturas de profesorado contra a LOMCE. Ademais está a participar activamente nas mobilizacións e peches promovidos pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que ven de anunciar que  tamén convoca folga para ese día.

LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS POLA PLATAFORMA

OURENSE: Xefatura territorial

VIGO: Praza dos Cabalos

FERROL: Praza de España/Praza de Armas

VILAGARCÍA: Praza de Galiza

PONTEVEDRA: Praza da Ferrería

A CORUÑA: Praza de Vigo

LUGO: Praza da Horta do Seminario

BURELA: Praza da Mariña. (Concentración)

SANTIAGO: Praza do Toural

Accede desde esta ligazón  ao Manifesto da Plataforma no que se explican as razóns polas que se convoca esta folga

A convocatoria  coincidirá coa folga no ensino a nivel de Estado que xa anunciaron a través dos medios de comunicación as organizacións sindicais españolas. “Congratulámonos que a nivel de Estado as organizacións sindicais tamén viran a necesidade de facer esta folga, aínda que se evidencia, unha vez máis, a súa visión centralista –explicou Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino. Non contaron para convocala coa organización sindical maioritaria no ensino galego e escollen unha data  que é festivo na capital de Galiza. En calquera caso, o importante para a CIG-Ensino, é que a folga ese día sexa un éxito e frear a súa aprobación”.

Na rolda de prensa, Anxo Louzao lembrou que a LOMCE é profundamente españolizadora e privatizadora, que retrotrae o sistema educativo aos postulados do franquismo e que recolle a visión da educación da Conferencia Episcopal. “Está ao servizo da patronal da privada concertada, porque fai unha planificación do ensino como mercadoría e dálle incluso rango de lei aos concertos con centros que segregan alumnado por razón de xénero”, explicou.

Louzao lembrou tamén que se reforza a confesionalidade do ensino, que liquida a xa cativa xestión democrática dos centros, porque usurpa competencias que agora teñen os Consello Escolares e as direccións serán impostas pola Administración. “Como xa temos denunciado reforma o ensino para convertelo nun sistema moito máis elitista, selectivo e segregador, que vai expulsar ao alumnado con menos recursos e que pon en tea de xuízo o dereito á educación. Desconfíase do traballo do profesorado e introdúcense reválidas que farán que o alumnado se xogue todo o seu futuro a unha carta”, engadiu.

Por último, a CIG-Ensino denunciou, unha vez máis, a actitude do Conselleiro de Educación que, diante do espolio de competencias, segue desaparecido e actuando como militante disciplinado do PP, negándose a abrir un debate que permita fixar unha posición do Goberno galego e que teña en conta a opinión da comunidade educativa galega.  Por todas estas razóns “como CIG-Ensino imos poñer todo da nosa parte para que a folga do día 9 de maio sexa todo un éxito. Procuraremos chegar a todos os centros de ensino, antes desa data, continuando co noso traballo de informar e promover o debate para que o profesorado sexa consciente da consecuencias negativas desta lei e do perigo que a súa aprobación tería para o sistema educativo galego”. 

Pode consultar toda a información sobre a LOMCE na seguinte Ligazón

A CIG-Ensino convoca folga contra a LOMCE no ensino público para o próximo xoves 9 de maio

Volver