A CIG-Ensino, contraria ao incremento de días lectivos

Tamén nos opoñemos aos prazos e condicións do emprego da aplicación informática para as programacións. 

O sindicato critica á Consellaría por querer impoñer unhas novas normas burocráticas cando non se sabe aínda cando estarán os novos currículos nin o prazo que haberá para adaptar as programacións.

Demandamos flexibilidade para o comezo de curso escolar e máis tempo dedicado á coordinación fronte á burocracia que pretende a administración.

CIG-Informa con toda a información sobre a "negociación" do calendario escolar

Calendario escolar 2022-2023

Inicio de curso

08/09 para todas as etapas educativas

Remate de curso

21/06: EI, EP, ESO, BAC, FP.  30/06: RÉXIME ESPECIAL

Nadal

Do 23/12 ao 6/01 ambos inclusive

Entroido

20, 21 e 22 de febreiro

Semana Santa

Do 3 ao 10 de abril, ambos inclusive

Día do Ensino

31 de outubro

Entrega das programacións

Antes do 8 de setembro á xefatura de estudos e antes do 20 de setembro á inspección. Estes prazos poderán flexibilizarse para Infantil e os cursos impares nos que entran en vigor os novos currículos.

Avaliación final ordinaria de 1ºBAC
Avaliación final de módulos de 1ºFPB
Avaliación previa á final da ESO

A partir do 5 de xuño

Avaliación final extraordinaria de BAC 1 e de 1ºFPB
Avaliación final da ESO, de 2º FPB e dos demais ciclos de FP

A partir do 22 de xuño

Novidades principais do curso 2022/23 : o curso comeza o mesmo día en todas as etapas e haberá unha aplicación informática para as programacións

A orde de calendario escolar presenta dúas novidades. Por un lado, unifícase o comezo das actividades lectivas unha vez que desaparecen os exames de setembro na ESO e o Bacharelato. Por outro, a Consellaría estende a todas as etapas educativa o emprego dunha aplicación informática para as programacións que leva algúns curso funcionado na Formación Profesional, onde provoca numerosas queixas do profesorado. A CIG-Ensino amouse contraria a como se presentan estas iniciativas. 

Hai alternativas a este modelo de calendario cun reparto máis equilibrado de períodos lectivos e descansos. Desde o sindicato volvemos pór enriba da mesa a necesidade de facer unha reflexión con toda a comunidade educativa na que se valoren outras alternativas ao actual calendario escolar que busquen, como se fai nalgunha comunidade autónoma, un reparto equitativo dos períodos de clase e de interrupcións con períodos non lectivos. No calendario aprobado en Cantabria hai períodos non lectivos dunha semana enteira cada sete semanas de clases aproximadamente: na primeira semana de novembro e no entroido, ademais do Nadal e a semana santa (nos días posteriores aos feriados). Con este reparto a distribución de descansos e períodos lectivos é moito máis equilibrada, mantendo os 175 días lectivos. O normal sería debater se ese modelo é mellor ou non, analizar os pros e contras e oír o profesorado e as familias de cara ao curso que vén.

Galiza supera a media de días e horas anuais lectivas da UE

A CIG-Ensino amosouse contraria ao incremento dun día por riba da referencia habitual de 175 días lectivos aos que obriga a LOMLOE. O sindicato, que defende que esas xornadas lectivas teñan un carácter de máximos e non de mínimos,  demandou á Consellaría que se limitase aos 175 días. Para iso propuxo comezar o curso o 9 de setembro. Non teriamos inconveniente en negociar outras datas, como pode ser comezar o día 12, trasladando ese día a maiores ao final de curso. 

Existe unha sobrecarga de xornadas lectivas que afectan tanto ao profesorado como ao alumnado. Os cambios efectuados na ESO e o Bacharelato, coa desaparición dos exames de setembro van implicar, de feito, un aumento na xornada anual de traballo do profesorado, sen ningún tipo de contraproposta. A Consellaría non só aplica o imperativo legal dos 175 días senón que o incrementa nun día máis.

A Consellaría non se compromete en firme, como si fixo outros cursos na propia Mesa, a aceptar a proposta da CIG-Ensino de limitar os días lectivos a 175, comezando o día 9, mais indica que vai revisar a nosa demanda antes de tomar unha decisión final. Para a CIG-Ensino, non facelo sería desatender unha solicitude totalmente razoábel do profesorado.

Aumentan días lectivos  mentres manteñen os horarios abusivos nacidos dos recortes de Feijóo

Mentres se estira ao máximo a duración do curso escolar, a Consellaría segue negando a recuperación de dereitos do profesorado dos corpos de secundaria e do corpo de mestres a contar cun horario lectivo de 18 e 21 sesións respectivamente.

A Consellaría debe mudar, debe rectificar, debe mandar un sinal inequívoco ao profesorado galego:  recoñecer, dignificar, recuperar.

CIG

O PROFESORADO GALEGO, FARTO DA DESCONSIDERACIÓN DA XUNTA ESIXE  TRABALLAR EN MELLORES CONDICIÓNS. 

Ensinanzas de FP e réxime especial: forzar un calendario pensando no ensino obrigatorio e o Bacharelato para situacións diferentes non ten sentido.

O adianto do curso ás ensinanzas de FP e réxime especial pode derivar en problemas que deberían facer reflexionar á Consellaría:

  • Na FP comezar unha semana antes o curso vai implicar superar o total de horas por módulo e ciclo do que fixa cada currículo, con máis horas das que realmente se rexistran polo título. Que se vai facer cando se chegue ao tope de horas? O  que se debe facer é regular o calendario (sexa na data de comezo ou de remate) segundo as horas oficiais. As diferentes duracións das sesións entre os IES (50 minutos) e os CIFP (60 minutos), coa adaptación final do número de sesión aínda o complica máis. Entendemos que a mellor opción e manter o comezo das clases como até agora.
  • A maiores, na FP dual pode existir unha avaliación extraordinaria no mes de setembro, xa que a formación nas empresa remata a 31 de agosto. A ese respecto entendemos que os cambios que provoca o novo calendario, con tomas de posesión de todo o profesorado, tamén de quen ten destino provisional, con data 1 de setembro, pode provocar un problema, xa que a persoa que era titora da FP dual pode non ter destino no centro anterior. A Consellaría debe ter en conta esta situación.
  • Nas ensinanzas artísticas superiores hai que ter en conta a incidencia das probas extraordinarias de acceso en setembro se quedaron prazas libres así como a presentación e avaliación de TFE do alumnado que superou todas as materias en xullo. O profesorado non pode estar simultaneamente facendo ese traballo e as programacións e traballos necesarios de coordinación de comezos de curso en 5 únicos días antes do 8 de setembro. Por outro lado hai que ter en conta que naquelas ensinanzas con ratios individuais e de moi reducido número, a variación de matrícula provoca ter que modificar horarios do profesorado unha vez comezado o curso.

A Consellaría indica que non vai facer cambios na decisión de ter unha única data de comezo de curso, aínda que é consciente de que poden existir situacións que leven a permitir unha flexibilización de datas nestas ensinanzas. Haberá indicacións expresas nas Instrucións de comezo de curso.

Unha novidade que incrementará a burocracia: unha aplicación informática para as programacións dos novos currículos…..que non estarán a tempo

A experiencia en FP non deixa lugar a dúbidas: a única preocupación da Consellaría é que  se cumpra coa burocracia. O día en que quen dirixe a Consellaría destine máis tempo a escoitar a quen se enfronta a diario co traballo de educar o noso alumnado, pode ser que cambie algo. Mentres tanto, o único importante é a aparencia e a formalidade de rexistrar programacións que despois todos sabemos que deben ser adaptadas á realidade que se dá durante o curso escolar. O determinante non é ter unha programación pechada nun día concreto de comezos de setembro, gardada como unha constitución de proba para a inspección para comprobar que cumpre as normas e formas. 

Este comezo de curso, o profesorado terá que destinar máis tempo a xestionar unha nova ferramenta informática que a reunirse e poñer en común toda a organización do curso escolar. 

A situación é máis esperpéntica se temos en conta que os novos currículos dos cursos impares non van estar listos coa suficiente antelación. O de primaria seguramente se publique en pleno verán e os da ESO e Bacharelato non estarán listos antes de comezar o curso. Non se pode actuar con tanta desidia e improvisación: a Consellaría non pode obrigar ao profesorado a facer o que ela non dá feito. 

A CIG-Ensino demanda: 

  • formación específica no uso da aplicación informática durante o mes de setembro e outubro.
  • entrega dunha previsión da programación (nos cursos impares) nos prazos habituais: antes do 15 de setembro á xefatura de estudos e do 30 de setembro á inspección.
  • rexistro da nova programación na aplicación até un mes despois de rematar a formación.
MENOS BUROCRACIA E MÁIS RECURSOS

A “preocupación” dunha administración educativa non debe ser que os “papeis”  ou os “ficheiros informáticos” estean no seu sitio, senón dotar a centros e profesorado dos medios e recursos, así como dar autonomía e confianza suficiente para facer o seu traballo.

A Consellaría informa de que a aplicación aínda está nestes momentos en proceso, dependente de AMTEGA. Non poden asegurar nin  sequera que estea lista para comezos de curso. Afirman que haberá formación específica e que comezará co profesorado de Infantil e Primaria. Insisten en que a inspección de cada centro será flexíbel nos prazos de remate das programacións dos cursos impares a través da aplicación informática.

A Consellaría despreza a profesionalidade das mestras e mestres de Infantil: prima a asistencia e a conciliación sobre a educación

Ocurso pasado a Consellaría quixo desmantelar o período de adaptación. A resposta masiva do profesorado, en resposta á campaña urxente posta en marcha pola CIG fixo recuar á administración, aínda que reducindo nunha semana ese período. 

Na proposta de calendario deste ano queda claro o resentimento da administración; volve reducir a duración da adaptación e limita a capacidade profesional dos e das titoras para fixar se debe existir e canto debe durar. As condicións que marca e a obriga de acoller o alumnado se os pais e nais queren desmantela por completo a idea de adaptación.

A defensa do secretario xeral do “dereito do pai” sobre as decisións pedagóxicas que poida adoptar unha mestra ou mestre de Infantil ilustran perfectamente a concepción asistencial que esta administración ten sobre esta etapa educativa. Non van cambiar a redacción e mesmo poñen en cuestión a necesidade da existencia do período de adaptación.

A tomadura de pelo da Consellaría ás mestras e mestres de Infantil. De período de adaptación a “incorporación gradual”: nega a capacidade profesional do profesorado para decidir o período de adaptación.
 

De que adaptación falan cando se condiciona de tal maneira que a imposibilita na práctica?

A orde di que os centros docentes terán en conta: 

  • a escolarización previa do alumnado
  • a existencia de irmás ou irmáns matriculados no centro 
  • as necesidades familiares, garantindo, en todo caso, a atención a tempo completo do alumnado cuxas familias ou representantes legais así o soliciten.  

A CIG-Ensino rexeita por completo esta decisión e demanda que os burócratas que dirixen a Consellaría pisen un aula de Infantil algún principio de curso e pregunten a quen saben. 

Galiza mantén a prohibición do período reducido en xuño e setembro

O horario reducido de  4 horas nos meses de xuño e setembro, eliminado por un acordo dos demais sindicatos coa Consellaría no curso 2008/09, segue prohibido un curso máis, sumando máis hora lectivas na xornada anual.

Os cambios de horario do profesorado non poden implicar un cambio de quenda

Os cambios nos CIFP derivados do comezo da FCT non pode implicar, baixo ningún concepto, que se produzan cambios de quendas.

A avaliación previa á avaliación final na ESO: imponse sen análise nin contraste previo

No debate do calendario na Mesa de hai un ano advertimos de que existían problemas que había que prever co cambio provocado pola eliminación dos exames de setembro.  Salientabamos os posíbeis problemas de organización do alumnado e do profesorado entre os exames ordinarios e extraordinarios do mes de xuño. 

Un ano despois, e sen poder analizar como vai ser este primeiro curso, a Consellaría deixa o seu sinal de identidade: lexislar como lle peta, sen ter en conta a realidade nin a opinión do profesorado. 

A CIG-Ensino xa indicou o ano pasado que lle parecía máis correcto non facer esa avaliación que agora se chamará “previa” mais non imos cometer o mesmo erro da administración: non imos presupoñer que temos razón e propoñemos algo moi sinxelo: deixe a porta aberta na orde a regular a avaliación final da ESO á espera dun estudo valorativo feito entre o profesorado. Atendan a quen está a pé de aula. 

Recoñeceron que toman a decisión sen ter avaliado os efectos do cambio mais entenden que “o profesorado é capaz de solucionar todos os problemas que implica este cambio”. 

Demandamos un estudo amplo sobre os efectos dos cambios dos exames de setembro a xuño

A CIG-Ensino non se opuxo ao cambio dos exames extraordinarios para xuño. Insistimos, con todo, que non ía implicar ningunha solución senón se acompañaba dunha análise rigorosa e dunha actuación na liña de reducir o fracaso escolar que teña en conta os seguintes elementos: 

  • redución das ratios
  • cambio nos horarios docentes, reducindo horario lectivos e impulsando a coordinación didáctica e o traballo en equipo 
  • mellora dos plans de reforzo para o alumnado que promociona no camiño de reducir as repeticións e reforzando o acompañamento deste alumnado. 
  • reorientación dos currículos 

Nestes momentos non se deu ningún paso nesta dirección. Demandamos cambios e un estudo rigoroso de carácter anual nos próximos cursos para poder tirar conclusións sobre os resultados.

A diversidade afectivo-sexual: única conmemoración sen datas. 

Que pasa pola cabeza de quen manda na Consellaría de Educación cando a única conmemoración á que non se lle pon datas é a da igualdade de trato e non discriminación para os colectivos de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGBTI)?  A escusa non pode seguir sendo que hai moitas datas. 

A escusa de sempre da Consellaría é que hai moitas datas internacionais. Insistimos un ano máis en que a Consellaría presente unha proposta, logo de tela pactado con colectivos e entidades cunha longa traxectoria de loita contra as discriminacións pola identidade sexual e se impulse a  visibilidade e a normalización nos nosos centros. 

Non se moven do texto sen datas concretas. 

Unha nova conmemoración: 1 de abril, día das artes galegas; falta que lle perdan o medo ao día da clase obreira galega

A CIG-Ensino congratúlase da incorporación desta data, elixida por ser a da certificación do remate das obras do Pórtico da Gloria. 

Agora a Consellaría debe perder esa mala conciencia ou medo atávico a lembrar oficialmente a loita contra a represión franquista e a loita polos dereitos da clase traballadora galega. En tempos os que o negacionismo da ultradereita e o silencio cómplice da dereita andan máis da man que nunca, falar das mortes de Amador e Daniel e das loitas polos dereitos laborais e sociais en plena ditadura é unha necesidade.

Conmemoramos a expresión literaria, cultural e artística; a conciencia medio ambiental, pacifista e integradora. Fagamos o propio coa conciencia, coa memoria, coa expresión social que representa o 10 de marzo.

Non se pronuncian ao respecto. 

O transporte escolar, primeiro. Os horarios escolares son o de menos.

Como todos os cursos, os centros que combinen o servizo e transporte con outros terán que resignarse a que sexan as empresas do transporte as que condiciones os horarios de comezo e fin do horario lectivo: todo menos pedagóxico. Conséntense desprazamentos excesivamente longos e horarios totalmente disparatados só para conveniencia das empresas adxudicatarias do transporte escolar.

Non hai flexibilidade para mudar o calendario escolar

Mantense o prazo de 15 días para casos excepcionais para alterar o calendario. Como todo cambio debe ser autorizado pola Xefatura Territorial non ten sentido que non se recolla que poda facerse nun prazo máis breve. Debe arbitrarse un prazo extraordinario que sempre contaría coa autorización da XT e reforzar a autonomía dos centros. 


Ligazón á información da mesa sectorial

Volver