A CIG-Ensino considera que as declaracións de Wert e o seu obxectivo de españolizar e ‘recolonizar’ son inadmisíbeis

Anxo Louzao afirma que “atenta contra o dereito dos pobos a vivir na súa cultura e na súa lingua”

As declaracións do Ministro Wert a respecto de “españolizar” Catalunya son, para a CIG-Ensino “inadmisíbeis”. Anxo Louzao, secretario nacional, considera que con esas declaracións, por vez primeira, se explicita o obxectivo real que persegue o Partido Popular coa Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa “recolonizar as nacións con lingua propia e non mellorar o sistema educativo e incrementar os recursos necesarios para iso”.

“É unha barbaridade de todo punto de vista e atenta contra o dereito dos pobos a vivir na súa cultura e na súa lingua. Son afirmacións que demostran que o que se quere é dar continuidade ao proceso de doma e castración do noso país”, engade Louzao.

A CIG-Ensino tamén cuestiona, con contundencia, o papel do conselleiro de Educación, que “no canto de criticar a pretensión de españolizar e eliminar a diversidade cultural e lingüística, se comporta como un subordinado e dilixente militante do Partido Popular”.

Louzao subliña que, desde a CIG, baixo ningún concepto, se vai ter sequera en consideración a un Ministro cuxa única pretensión é “exterminar as linguas e culturas”. Pretensión que considera especialmente grave no caso de Galiza, “onde a nosa identidade como pobo ten unha cativa presenza nos currículos escolares e cando o ensino en galego é totalmente insignificante, tal e como se constata no estudo realizado pola Mesa pola Normalización Lingüística”. Estudo do que se tiran uns datos que, para a CIG-Ensino, corroboran o retroceso “inmenso” do ensino en galego e, nomeadamente, na educación infantil, onde está practicamente desaparecido.

Unha situación que considera que é consecuencia das políticas impostas polo goberno Feijóo, do que di que “foi alumno avantaxado” pero que ao que acusa de carecer da valentía necesaria para explicitalo.

O secretario nacional de CIG-Ensino asegura que a central sindical non vai estar disposta a que se priorice o “asoballamento e colonización de pobos como o noso”. Nin a que se poñan en cuestión os xa cativos resortes legais que teñen as linguas do estado. Por iso, convida ao Ministro a “coller as maletas e marchar”.

Volver