A CIG-Ensino co profesorado substituto esixe o reestablecemento do contrato de verán

Durante a concentración de hoxe, a CIG-Ensino e un grupo de afectados/as entregaron un escrito dirixido ao conselleiro de Educación pedindo a retirada do acordo que suspende o dereito de nomeamento nos meses de xullo e agosto

A CIG-Ensino convocou esta mañá ao profesorado substituto a unha concentración diante da Consellaría de Educación para esixir o reestablecemento do dereito de nomeamento nos meses de xullo e agosto para o persoal docente substituto que teña prestado servizos á administración durante polo menos cinco meses. Durante o acto, un grupo de afectados, acompañados polo Secretario Nacional da CIG-Ensino, entregaron un escrito dirixido ao conselleiro de Educación no que se esixe a reposición deste dereito.

A CIG-Ensino considera esta decisión un novo ataque ao profesorado “Temos que denunciar -explicou Anxo Louzao- que o Consello da Xunta adoptou a decisión o 21 de xuño e non a fixo pública ata seis días despois. Ao tempo, non deixa de sorprender que tal e como afirma, a Consellaría tivera unha reunión con algunhas organización sindicais, que representan a unha minoría, e estas tampouco deran a coñecer a decisión”.

 Para a CIG-Ensino é inaceptable que a Consellaría agarde ata o remate das clases para anunciar unha medida tan dura para o profesorado substituto. “Trátase dunha evidencia máis da desconsideración que esta Consellaría ten polo ensino público e polos e polas docentes. Estamos a falar dun profesorado ao que se lle retira parte do salario malia a precaria situación laboral que padecen, con contratos de días, cambio constante de domicilio e a obriga de estar a disposición da Administración de xeito continuo”, engade Louzao.   A CIG-Ensino lembra que afecta a traballadores e traballadoras que desenvolven o seu traballo nunha situación xa de por si moi precaria.

Por iso esixe de Educación que rectifique e retire o acordo que deixa os/as substitutos/as que traballaron máis de 5 meses e medio sen nomeamento nos meses de xullo e agosto. “Ou a Consellaría cambia de rumbo ou esta decisión afectará a un colectivo potencialmente en aumento, xa que cada vez se producen menos interinidades e máis substitucións”, explica Louzao.

A CIG-Ensino co profesorado substituto esixe o reestablecemento do contrato de verán

Volver