A CIG-Ensino apoia a iniciativa da AELG a prol da celebración do Día de Rosalía e exíxelle á Consellaría que se declare para tal fin o 24 de febreiro

Este ano conmemórase o 150 aniversario da publicación de Cantares Galegos, a primeira obra publicada integramente en lingua galega

Un ano máis, a CIG-Ensino apoia a iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega (AELG) a prol da celebración do Día de Rosalía e súmase á proposta de celebrar a data agasallando un libro en galego e unha flor. Para a CIG-Ensino, é necesario darlle a esta data a relevancia que merece, pois sen Rosalía Castro talvez non teriamos hoxe a conciencia colectiva de termos un idioma propio e os azos de seguir reclamando para este o lugar que lle corresponde. Ela non foi a única que ergueu a bandeira da defensa do idioma, mais foi a primeira a pór un chanzo fundamental coa súa obra “Cantares Galegos”, o primeiro libro integramente escrito no noso idioma, do que este ano se celebra o 150 aniversario.

Por este motivo,  propomos que as lecturas ou os actos que se celebren nos centros educativos para lembrar a figura de Rosalía, xiren ao redor de Cantares Galegos e da importancia do paso dado pola súa autora quen:


“..., inda achándome debil en forzas, e nabendo deprendido en mais escola qu' á d' os nosos probes aldeans, guiada solo por aqueles cantares, aquelas palabras cariñosas e aqueles xiros nunca olvidados que tan doçemente resoaron nos meus oidos desd' á cuna, e que foran recollidos po-lo meu corazon como harencia propia, atrevinme á escribir estos cantares, esforzándome en dar á conocer como algun-has d' as nosas poeticas costumes, inda conservan certa frescura patriarcal e primitiva, e com' ó noso dialecto doce e sonoro, é tan aproposito com' ó pirmeiro, para toda clase de versificacion.”

A CIG-Ensino, tal e como o vén facendo desde hai anos, seguirá reclamando na negociación do calendario escolar, que o 24 de febreiro se inclúa como unha conmemoración centrada no recoñecemento e na difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e da nosa literatura. A data sumaríase a outras que xa  se conmemoran no ensino. Agardemos que a Consellaría mude a súa postura insensíbel e inexplicábel cara ao idioma galego e admita esta proposta da CIG-Ensino.

Finalmente, animamos a todos e a todas a participar nas lecturas colectivas que a AELG celebra en todo o país o sábado 23 de febreiro e mesmo no acto nacional que se celebrará o domingo 24 no Panteón dos Galegos Ilustres.

Feliz día de Rosalía

Volver