A CIG-Ensino apoia a folga convocada para o mércores 17 polas organizacións estudantís galegas

Haberá mobilizacións nas cidades e en diferentes vilas contra os recortes e o anteproxecto de LOMCE

A CIG-Ensino apoia a folga convocada para o 17 de outubro polas organizacións estudantís galegas, por tratarse dunha folga para combater os continuos ataques que está a sufrir o ensino público, que se concretaron en numerosos recortes e na aposta decidida do PP polo ensino privado concertado. Podes consultar nesta novas as horas e lugares das mobilizacións.

Estes recortes traducíronse, por exemplo,  na presenza de  menos docentes nos centros, necesidades educativas sen atender, incremento do horario do profesorado -que ten que impartir de materias das que non é especialistas- supresión de máis de 2.000 postos de traballo e interinos/as sen traballar, entre outros. “Un cúmulo de actuacións, explica Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino, que supoñen o deterioro e o desmantelamento da calidade do ensino público”.

O apoio da CIG-Ensino á folga tamén vén dado polo anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) “coa que o PP pretende afastar as clases populares do ensino, crear un sistema educativo elitista e clasista, que desterrará a igualdade de oportunidades e coa que aproveitará para españolizar o ensino”, engade Louzao.

A CIG-Ensino está levando a cabo asembleas en todos os centros de traballo para explicar as consecuencias que tería para o ensino a aprobación do anteproxecto de LOMCE e  a gravidade desta proposta educativa que tamén liquida a xestión democrática dos centros, desconsidera a función docente e introduce reválidas para que só uns poucos poidan acceder ao ensino.

Horas e lugares das mobilizacións estudantís confirmadas para o 17 de outubro:

Santiago de Compostela ás 12 horas na Praza do Toral.

A Coruña ás 12 horas na Praza da Palloza.

Ferrol ás 12 horas na Praza 10 de Marzo.

Lugo ás 12 horas na Biblioteca Intercentros.

Ourense ás 12 horas diante da Delegación da Consellaría de Educación (Rúa Concello).

Pontevedra ás 12 horas diante da Subdelegación do Goberno.

Vigo ás 12 horas na Praza de América.

A Guarda ás 12 horas diante do IES A Sangriña.

Allariz ás 12 horas diante do IES de Allariz

Arzúa ás 12:30 horas diante do IES de Arzúa.

Betanzos ás 12 horas diante dos IES Francisco Aguiar e As Mariñas (Avenida da Coruña)

Burela ás 12 horas diante do Monte Castelo.

Carballo ás 12 horas na Praza do Concello.

Moaña ás 12 horas diante do IES As Barxas

Noia ás 12 horas  Alameda, diante  IES Virxe do Mar.

O Barco de Valdeorras ás 12 horas diante do IES Lauro Olmo.

Ponteareas ás 12 horas na rúa Feliciano Barrera (diante dos IES)

Ribadeo ás 12 horas diante do IES Ribadeo (antigo IES Gamallo Fierros)

Verín ás 12 horas diante do IES Xesús Taboada Chivite (Avenida de Portugal). 

Vilagarcía ás 12 horas na Praza de Galiza.

Xinzo da Limia ás 12 horas na Praza Maior.

Ribeira ás 12 horas diante do IES Leliadoura.

Cee ás 12 horas diante do IES Fernando Blanco.

Volver