A CIG-Ensino amósase crítica coa nova Lei de ensinanzas artísticas

O sindicato, recoñecendo algúns avances na tramitación da Lei, considéraos totalmente insuficientes

O texto da nova Lei de ensinanzas artísticas superiores que veu a luz verde no Congreso a pasada semana mellora algúns aspectos relacionados coas competencias das comunidades autónomas e cos requisitos de integración nos novos corpos docentes que a Lei crea. Con todo queda moi lonxe das demandas que a CIG-Ensino defendeu na única reunión da Mesa Docente estatal e que o sindicato trasladou, na fase de presentación de emendas na comisión de educación do Congreso.

Preocupación polo futuro das Escolas de Artes e Superiores de Deseño

Un dos temas máis controvertidos do texto aprobado no Congreso e que o Goberno se negou a pactar é a decisión de que as administracións educativas “promoverán a progresiva especialización destes centros” entre as ensinanzas superiores e as profesionais”, algo que dada a realidade dos catro centros galegos non ten ningún sentido. A CIG-Ensino propuxo que esta decisión quedase nas mans das comunidades autónomas, permitindo por tanto que se puidesen manter a simultaneidade dos estudos se non existe outra alternativa viábel. O sindicato, se o texto final non ten ningún cambio tras a tramitación no Senado, instará á Consellaría de Educación a manter ambas ensinanzas, profesionais e superiores, mentres non existan garantías absolutas de que non se vai ver afectada a oferta actual. Non estamos, desde a perspectiva da CIG-Ensino diante dunha cuestión sobre se é mellor ou peor que haxa separación en distintos centros ou simultaneidade, senón de manter unha oferta, tanto no total de ensinanzas como na súa distribución territorial.

A nova estrutura de corpos docentes, unha nova mostra de falta de compromiso e implicación co profesorado por parte do Ministerio

Os problemas causados coa tramitación da Lei de FP e os cambios de corpos docentes derivados dela non serviron para que o Ministerio rectificase na súa decisión de impoñer procesos de integración pechados e limitados.

Se be é certo que na tramitación parlamentaria melloraron algunhas cuestións, o certo é que se manteñen algunha decisións que a CIG-Ensino considera negativas (a negativa a manter un proceso de integración con carácter indefinido no corpo de mestres de taller), preocupantes (as novas atribucións para as direccións propoñeren a contratación de profesorado especialista ou visitante e designar directamente profesorado emérito), e de futuro incerto (a esixencia da titulación de doutoramento para o corpo de cátedras de ensinanzas artísticas superiores polo reducido número de docentes que poderán cumprir un requisito que non ten precedentes nos corpos docentes).

Por último, e no que se refire a prazos, todo queda pendente dun posterior desenvolvemento da Lei, sen fixar data de entrada en vigor dos seus efectos máis importantes. Tras o paso polo Senado, a Lei está previsto que se aprobe definitivamente antes de rematar o mes de maio.

Con detalle, esta é valoración que a CIG-Ensino fai dos cambios introducidos na nova lei, na que sen deixar de recoñecer pequenos cambios en positivo, o sindicato amosa a súa crítica tanto nas formas (ausencia de negociación real no ámbito sindical, cunha única reunión negociadora) como no fondo.

A posición da CIG-Ensino sobre os temas fundamentais desta nova lei.
  • Hai cambios que melloran substancialmente o texto do proxecto de lei (ámbito competencial, condicións de integración nos novos corpos, equivalencia das ensinanzas superiores cos estudos universitarios e dos dereitos do seu estudantado….) mais hai cuestións que, tanto desde a realidade do profesorado galego como dos centros que imparten estudos superiores, fan que a lei manteña erros importantes.
  • A ordenación do profesorado debería tender a unha estrutura simple e de progresión horizontal. Crear novos corpos non é a solución senón que, tal como se formula, pode ser unha nova fonte de problemas.
  • A creación dun corpo de cátedras para impartir docencia nos estudos profesionais vai implicar unha mellora retributiva importante mais limitada a pouco profesorado, como acontece nos IES ou EOI(máximo dun 30%). O lóxico sería unha carreira profesional que permitira chegar ao máximo nivel a todo o profesorado ao longo da súa vida laboral.
  • A esixencia dunha titulación de doutoramento a quen xa forma parte do corpo de cátedras non ten sentido, máxime cando se recoñecen os mesmos dereitos a quen non se integre.
  • De cara o futuro, o requisito de doutoramento pode reducir dun xeito importante a posibilidade de acceso ao corpo de cátedras por oposición desde o corpo de profesorado.
  • Tendo en conta que existirán as mesmas especialidades no corpo de cátedras e no de profesorado seguramente as listaxes actuais de persoal interino de cátedras nos CMUS superiores (únicas listaxes de interinidades neste corpo) pasarán ao corpo de profesorado (único polo que se pode ingresar).
  • A integración nos novos corpos, para a CIG-Ensino, debería ser automática e sen novas exixencias, sen deixar ninguén atrá
  • Aínda que se atendeu parcialmente a nosa demanda de facilitar a integración no corpo de profesorado de ensinanzas artísticas superiores (a proposta inicial era que se tivese traballado nos últimos cinco anos e agora fíxase cinco curso, con independencia de cando fosen) aínda queda lonxe da nosa proposta de non superar os dous anos de exixencia.
  • Opuxémonos a limitación temporal para que as mestras e mestres de taller poidan acadar a titulación de Grao para se integraren no corpo de profesorado de estudos artísticos profesionais ou que non se regulase o dereito ao cobro dun complemento de equiparación: repítese os erro cometido co profesorado do corpo de PTFP: a CIG-Ensino defendeu un prazo indefinido e o dereito a licenzas por estudo para poder obter a titulación requirida.
  • O acceso a calquera posto de traballo no sector público debe fundamentarse en convocatorias nas que prime a publicidade, o mérito e a capacidade, baixo o control sindical e a negociación nas mesas respectivas, e o papel que se lle dá ás direccións dos centros para propoñer nomeamentos de profesorado especialista ou visitante pode romper con eses principios.
  • Amosámonos contrarios á figura de profesorado visitante: é unha porta aberta á traer profesorado durante un ou dous cursos, cun contrato laboral, reducindo a carga lectiva de profesorado do centro, o que podería implicar a perda de postos de traballo.
  • Non estamos de acordo coa figura de profesorado emérito para docentes xubilados polo mesmo motivo da súa repercusión na perda de postos de traballo e porque consideramos que a posibilidade de prolongar a vida laboral até os 70 anos xa é excesivo.
  • Na elección da dirección dos centros debería regularse a presenza mínima que terá o profesorado na comisión de selección, que debe ser maioritaria. No texto só se garante a maioría da comunidade educativa.
  • Consideramos un erro a pretensión de que se promova que os centros que imparten simultaneamente ensinanzas artísticas superiores e profesionais (en Galiza todas as EASD) tendan a especializarse nunhas ou outras ensinanzas. Deben garantirse tanto a impartición de títulos de Grao como ciclos formativos.Só no caso de que existise unha alternativa clara e con futuro para as titulacións profesionais podería ter sentido esa especialización.
  • O calendario de aplicación de todos os cambios queda sen concreción. Será o Goberno estatal, unha vez consultadas as comunidades autónomas, o que aprobe un Real Decreto co regulamento de integración nos novos corpos, sen fixar datas concretas para que sexa efectiva.

Como afectan os cambios nos corpos docentes?

Corpos actuais

Novos corpos: integración ou situación a extinguir

- Corpo de cátedras de música e artes escénicas

- Corpo de cátedras de artes plásticas e deseño

Exixencia de titulación de doutoramento para o novo corpo de cátedras de ensinanzas artísticas superiores.

Prazo de 10 anos desde a entrada en vigor da lei (até o curso 2033/34) para obter a titulación e poder integrarse a quen xa forma parte dos actuais corpos de cátedras.

Quen non teña esa titulación quedará para extinguir no corpo de cátedras actual, con plena equiparación co novo corpo.

Todo o que teña que ver cos novos corpos deberá regularse nun Real Decreto a nivel de Estado e coa conseguinte normativa posterior a nivel galego.

Para acceder a cátedras será requisito formar parte do corpo de profesorado de ensinanzas artísticas superiores polo que a única vía será a promoción interna.

- Corpo de profesorado de música e artes escénicas que impartiran ou estean a impartir docencia en ensinanzas artísticas superiores

Poderá integrarse no novo corpo de profesorado de ensinanzas artísticas superiores quenacredite unha experiencia docente nesas ensinanzas de 5 cursos con anterioridade á entrada en vigor da lei.

Quen teña destino definitivo ou provisional nun destes centros disporá dun prazo de 4 cursos máis para acreditar esa experiencia e poder integrase no novo corpo.

Unha vez que estea regulado esixirase o Mestrado de especialización en investigación e didácticaen ensinanzas artísticas para novos ingresos neste corpo.

Quen non se integre quedará para extinguir no corpo de procedencia.

- Corpos de profesorado actuais que imparten docencia en ensinanzas profesionais

Poderá solicitar a integración no novo corpo equivalente sen ningún outro requisito.

- Corpo de mestras e mestres de taller de artes plástica e deseño

Só permiten que se integre no corpo de Profesorado de ensinanzas artísticas profesionais a quen teña titulación de Grao ou equivalente a efectos de docencia. Dáse un prazo de cinco cursos para que, desde a entrada en vigor do regulamento posterior á lei, se convoquen estes procesos de integración (até 2029)

Non se declara para extinguir o corpo actual que mantén as actuais atribucións docentes.

CIG-Informa aprobación Lei ensinanzas artísticas

Documento


Volver