A CIG denuncia que Coremain podería substituír traballadores/as por estudantes en prácticas do programa da FP Dual

Cuestiónanse as relacións e intereses que pode ter a Xunta de Galiza cunha empresa que ten demostrado unha prácticas laborais máis que cuestionábeis

A Xunta de Galiza publicou no DOG, sen pasar previamente pola Mesa Sectorial e sen comunicarllo ao profesorado, un convenio con Coremain polo que nesta empresa se porá en marcha o programa piloto para o alumnado facer as prácticas correspondentes á FP Dual. Representantes da CIG denunciaron esta mañá, en rolda de prensa, a escolla desta empresa que ten unha política en materia de relacións laborais máis que cuestionabel e alertaron da posibilidade de que Coremain aproveite este convenio para substituír a traballadores/as por man de obra case gratuíta.

Renato Núñez, secretario de Organización da CIG de Compostela, explica que en decembro de 2012 Coremain aínda adebedaba a paga extra de xullo a 120 traballadores/as; que aplicou un ERE polo que despediu a 10 persoas, que propuxo unha redución salarial e que está despedindo, nestas datas, a máis traballadores e traballadores. Alén das prácticas sinaladas denuncia que no mes de agosto comezaron a traballar en Coremain 24 persoas -algunhas xa foron despedidas- ao abeiro doutro programa de axudas. “Foron contratados/as cun mes de prácticas e desde o primeiro día estiveron traballando efectivamente na empresa realizando as mesmas funcións que calquera outro traballador/a, non fixeron prácticas e nin sequera teñen un titor que realmente realice esa función”.

Con estes antecedentes, Núñez considera que co novo convenio asinado para pór en marcha o programa piloto de implantación da FP Dual, Coremain podería utilizar ao alumnado, que vai teoricamente a formarse, para suplir a outras traballadoras ou traballadores “nunha empresa que non dá garantías laborais sequera aos seus propio persoal”.

Fronte a isto, lembra que até o de agora o alumnado de FP tiña unhas garantías de formación nun centro da Xunta de Galiza, “onde realmente facían prácticas e do que saían os profesionais ben preparados, até o punto de atoparen traballo mesmo antes que as/os licenciadas/os”.

Denuncia as condicións salariais que se ofrecen a estas alumnas e alumnos: unha cantidade porcentual, en función do número de horas traballadas, tomando como referencia o SMI e subliña que “os traballadores e traballadoras que hai agora na empresa cobran sobre 800 euros e van ter que competir con xente que entrará a través desta modalidade, cobrando entre 250 e 450 euros”. A isto engade que as persoas interesadas en facer estas prácticas terán que solicitalo expresamente e que será a propia empresa quen seleccione.

Privatización da FP

A mesma preocupación expresa o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen pon en cuestión as razóns polas que se opta por esta empresa, malia coñecer as súas prácticas laborais. “Non sabemos cales poden ser os vínculos do PP ou da consellaría de Educación con esta empresa concreta xa que sería de agardar que dalgunha maneira tivera isto en conta. Porén vese gratificada cun convenio escurantista, o que non deixa de ser unha fraude a todos nós”. Tamén pon en cuestión os criterios, xa que  “non contou con información ao profesorado da FP, non pasou pola mesa sectorial e atopámonos cuns criterios pensados exclusivamente para unha empresa publicados no DOG”.

Pero sobre todo pon en cuestión o propio modelo de FP Dual importado de Alemaña, un país altamente industrializado e cun modelo empresarial substancialmente distinto ao galego, que se traslada ao noso país “sen apenas tecido industrial, no que día a día se pechan empresas e desmantelan sectores estratéxicos dinámicos”.

O secretario nacional da CIG-Ensino alerta, ante isto, da pretensión da consellaría de Educación de apostar pola privatización da Formación Profesional. Entende que de se xeneralizar, estariamos ante un modelo no que serían os grandes grupos económicos os que condicionarían os criterios e contidos porque “non van ser as PEMES quen definan e condicionen a oferta de FP”.

Louzao denuncia o dobre efecto negativo deste modelo que provoca, por unha banda, a destrución de emprego na empresa, ao seren as traballadoras e traballadores substituídos por man de obra barata, baixo un titor ou titora ao que non se lle pide ningunha formación académica e que non ten vinculo contractual algún coa administración educativa. E pola outra, a destrución de emprego nos centros docentes, ao efectuarse un terzo da formación na empresa en cuestión, co que se precisará menos profesorado.

O secretario nacional de CIG-Ensino entende que o enfoque é totalmente privatizador. Subliña o paradoxo de que no conxunto dos orzamanentos da consellaría de educación haxa un redución do 6,6%, mentres que se destinan perto de 240 millóns de euros á  privada concertada e cando a subvención á FP privada, concertos educativos e demais se incrementa en máis dun 5%.

A súa conclusión é obvia, “estamos ante un modelo que non serve para o noso país, que pretende privatizar máis a FP e poñela ao servizo dos grandes grupos económicos, que precariza e que traslada man de obra gratuíta ás empresas”.

Volver