A CIG demanda na USC unha normativa do procedemento de atención á conciliación da vida persoal e profesional do profesorado no proceso de asignación de docencia máis ambiciosa

A normativa ten que dar solucións reais aos problemas do profesorado

A conciliación da vida laboral familiar é un dereito do persoal docente e investigador, recollido na Lei do Sistema Universitario de Galicia (Lei 6/2013, do 13 de xuño, art.96) e no Estatuto Básico do Empregado Público. Cómpre á Universidade de Santiago promover os medios, as accións e os marcos legais que poidan facer efectivo este dereito, con independencia da categoría profesional, antigüidade, departamento ou centro do/a traballadora.

A proposta de normativa, presentada o pasado 23 de xaneiro, na mesa de negociación sindical está lonxe de ser a que precisa esta universidade en materia de conciliación, non só porque establece un procedemento pouco claro respecto a que se aplica dita prelación (horarios ou docencia ),  quen ten a capacidade de tomar a decisión sobre o aspecto a adaptar (departamento ou facultade),  senón tamén porque non entra de cheo en medidas decididas sobre:

  • O reparto da docencia: buscando a estabilización e a especialización, evitando a fragmentación das materias que levan a POD con excesivos grupos e materias xeralmente no profesorado novel e promovendo sistemas de asignación menos xerárquicos.
  • A organización dos horarios: buscando o equilibrio entre a racionalidade pedagóxica, e organizativa, e a xornada laboral do persoal docente e a súa adaptación no caso do PDI con persoas ao seu cargo.

Tampouco propón outras medidas de conciliación que avancen neste dereito como a posible redución de docencia despois do desfrute dun permiso de maternidade/paternidade.

Esta normativa limitada debera ser o punto de partida para abordar decididamente á conciliación familiar e laboral nesta universidade, e un instrumento que permita detectar algunhas das múltiples situacións que se dan entre o PDI, co fin de avanzar xa nun regulamento máis completo e eficaz, acorde coa relevancia e complexidade deste tema.

Volver