A CIG chama a mobilizarse o 1º de Maio contra as políticas fracasadas que promove a UE, que están a quitar dereitos e provocar máis pobreza

Suso Seixo considera que hai que provocar a dimisión dos gobernos do PP e a convocatoria de novas eleccións

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, presentaba esta luns 29, xunto co secretario confederal de Comunicación e Propaganda, Francisco Miranda Vigo, a convocatoria do Primeiro de Maio, que este ano a central sindical conmemora baixo o lema “Partido Popular –Unión Europea: menos dereitos, máis pobreza”. Na rolda de prensa Seixo denunciou a decisión do PP de manter unhas políticas económicas que se demostraron fracasadas e chamou a mobilizarse para provocar a súa dimisión e a convocatoria de novas eleccións.

O secretario xeral da CIG lembrou que este Primeiro de Maio está marcado por unhas dramáticas cifras de desemprego e denunciou que cada vez que se anuncian novas medidas recórtanse máis dereitos, empobrecendo a cada vez máis sectores da sociedade. Para Seixo “o máis preocupante” é que o PP non contempla outras políticas posíbeis e que mesmo prevé que se manteñan estas alarmantes cifras de desemprego nos próximos anos.

Por iso considerou que “o que nos queda como central sindical é seguir petando na conciencia das traballadoras e traballadores porque hai que mobilizarse para provocar a dimisión do goberno, hai que forzar que á fronte das institucións estean forzas políticas que sexan sensíbeis aos intereses da maioría social e non só sensíbeis aos intereses dunha minoría, que é a oligarquía financeira”.

De feito, anunciou que tras do Primeiro de Maio a CIG continuará coas mobilizacións exixindo a dimisión, non só do goberno central senón tamén do goberno galego. Neste sentido, asegurou que “Galiza, por moito que Feijóo queira convencernos do contrario, non está en mellores condicións que o resto do Estado”. Así entende que o constatan as cifras de desemprego dos últimos meses, tanto as de paro rexistrado como as da EPA, ou a “profundamente alarmante” destrución do tecido industrial e produtivo “que vai ser moi difícil que se recupere nos próximos anos”.

Recortes de dereitos e empobrecemento

O secretario xeral da CIG lembrou que até o de agora, o único que se conseguiu coas políticas do PP foi que se dificultara o acceso a servizos básicos como sanidade ou ensino; que se recortaran salarios, non só no sector público, senón tamén no sector privado; a perda do carácter universal de certos servizos; o desmantelamento dun dereito fundamental dos traballadores como é o dereito á negociación colectiva; a retirada das axudas ás persoas dependentes ou a redución das prestacións por desemprego, tamén a sectores dos máis necesitados, entre outras.

Cuestionou a credibilidade das previsións que vén de presentar o goberno que, dixo, “raramente se cumpren” e alertou da imposibilidade de saír desta situación se se manteñen as actuais políticas. “Estamos metidos nunha carreira e nunhas medidas totalmente absurdas, do punto de vista da maioría social”, asegurou, engadindo que “só se poden entender este tipo de medidas que nos están levando a unha situación de pobreza e perda de dereitos, se o goberno e as institucións europeas están en mans da banca e do capital financeiro e pretenden favorecer aos seus intereses”.

Neste sentido, denunciou que a Comisión Europea segue a demandar do goberno que afonde máis nestas polícas: na reforma laboral, pola vía de facilitar e abaratar aínda máis o despedimento; en seguir rebaixando os salarios; en incrementar de novo os impostos indirectos para incrementar os ingresos do Estado ou no endurecemento dos requisitos para dificultar o acceso ás pensións, para as que xa se especula coa posibilidade de retrasar de novo a idade de xubilación aos 70 anos e de aumentar até 40 os anos cotizados necesarios para ter dereito ao 100% da pensión. E isto, dixo, “nun momento no que cada vez hai máis dificultades para a mocidade acceder ao mercado laboral”.

 Ante isto, pediu que se mirara a situación de Estados da periferia europea como Grecia e Portugal “para facernos a idea de cara a onde imos nós” e chamou a reaccionar porque “de quen detenta hoxe o poder, tanto económico como político non van vir as alternativas. Hai que conquistalas”.

Folga xeral

Preguntado polos xornalistas pola posíbel convocatoria dunha folga xeral, Seixo considerou que hai que convocalas “non só nos momentos nos que nos recorten dereitos e se adopten por parte do goberno políticas moi duras”, senón tamén “para exixir un cambio claro das políticas económicas” e explicou que, malia darse as condicións obxectivas para a súa convocatoria, non se dan as “subxectivas”.

“A folga xeral é o mecanismo que ten a clase traballadora para posicionarse diante do poder económico e mostrar o seu propio poder, exixindo outro tipo de medidas”, dixo, e subliñou que “se de nós dependera xa fariamos uso dela neste mes de maio, pero dá a impresión de que quen tiña que acompañarnos non está polo labor”.

Por iso asegurou que a CIG traballará para que se dean tamén as condicións subxectivas. “Nós pretendemos, a través da nosa acción sindical, nos centros de traballo, nas empresas e naqueles sectores aos que chegamos máis directamente, convencer ás traballadoras e traballadores de que hai que mobilizarse, non meter a cabeza debaixo das ás”, para superar o “certo pesimismo” que comeza a haber entre a poboación e comezar a mudar, desde as rúas, esta situación.

Manifestacións convocadas

-          A Coruña: ás 12:00 horas dende a Praza de Vigo

-          A Estrada: dende a Praza do Concello ás 12.00 horas

-          A Mariña: ás 12:00 horas dende o local da CIG (Avda. Arcadio. Pardiñas, 137)

-          Ferrol: ás 12:00 horas desde a Avda de Esteiro

-          Lugo: ás 12:00 na Ronda da Muralla (a altura do Edificio Sindical)

-          Ourense: dende o Pavillón dos Remedios ás 12.00 horas.

-          Pontevedra: dende a Praza da Ferrería ás 12.00 horas.

-          Ribeira: 12:00 horas, da Praza do Peixe.

-          Santiago: 12:30 horas na Praza Roxa.

-          Vigo: dende o cruce da Doblada con Urzaiz ás 11.30 horas.

-          Vilagarcía: dende a Casa do Mar ás 11.00 horas

A CIG chama a mobilizarse o 1º de Maio contra as políticas fracasadas que promove a UE, que están a quitar dereitos e provocar máis pobreza

Volver