A Área Pública da CIG (ensino, administración e saúde) non asistirá á Mesa Xeral porque é un acto formal, inútil e sen marxe para a negociación

As organizacións sindicais con representación na mesa rexistran unha solicitude de cambio de data da convocatoria

Ante a convocatoria da Mesa Xeral da Función Pública para mañá xoves, día 19 de xullo, ás 18:30 horas, co único punto Lei /2012 de adaptación das disposicións básicas do RDL 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade en materia do emprego público, as organizacións sindicais con representación na mesma (CIG, CCOO, UGT e CSI-F) veñen de entregar un escrito conxunto no rexistro solicitando o seu aprazamento. Consideran que é inaceptábel que se faga esa convocatoria coincidindo practicamente coa das manifestacións, das que a administración tiña xa coñecemento, en todas as cidades e algunhas vilas de Galiza.

A Área Pública da CIG (Ensino, Saúde e Administración) anuncia xa que, aínda aceptándose o cambio de data da convocatoria da Mesa, non acudirá á mesma, ao igual que fixo na Mesa Xeral do Estado. Alén de reiterar a súa rotunda oposición a todas estas medidas, asegura que non está disposta a entrar neste xogo porque "esa convocatoria non é máis que un acto formal, absolutamente inútil, ao non haber marxe algunha de negociación".

A Área Pública da CIG denuncia ademais que a Xunta de Galiza vai aínda máis alá do decreto aprobado no Estado, porque ante a supresión da paga extra para este ano, nin sequera contempla a posibilidade de recuperar as cantidades non percibidas no futuro. “Aplícase como recorte directamente”.

Polo demais, o contido do borrador remitido ás organizacións sindicais non é máis que un traslado literal do decreto-lei no Estado, que a Xunta de Galiza non tería problema algún en aplicar directamente, pero que o PP se ve obrigado a pasar polo Parlamento, ao implicar modificacións na lei de orzamentos da Xunta de Galiza.

A aplicación de todas as medidas anunciadas afecta a todos os empregados e empregadas de todas administracións públicas, empresas públicas, entes, fundacións e organismos autónomos.

A Área Pública considera que o PPdG é fiel reflexo de submisión aos mandatos de Madrid na medida en que non só ten pensado aplicar todas esas medidas que veñen de ser aprobadas polo goberno do Estado, senón que, como se ve, vai máis alá.

Considera vergoñento e inaceptábel que logo das permanentes agresións públicas levadas a cabo polo PP, unha vez máis no canto de facer fronte a estas medidas, que van en contra dos dereitos máis elementais das empregadas e empregados públicos acepte sen cuestionalo, unha invasión en toda a súa extensión ás competencias que o goberno galego ten nos distintos ámbitos.

Por iso, a CIG fai un chamamento a todas as empregadas e empregados públicos a participar activamente nas concentracións previstas diante dos centros de traballo, este xoves pola mañá e nas manifestacións convocadas nas cidades e vilas, para a tarde.

Este saqueo ao pobo e estas brutais agresións aos dereitos laborais e sociais máis fundamentais ten que ser contestado e rexeitado de forma masiva con mobilizacións na rúa. Mobilizacións que teñen que camiñar cara a convocatoria dunha folga xeral de non producirse un cambio profundo de rumbo nestas políticas económicas erráticas.

Mobilizacións:

Día 19 de xullo

Concentracións:

Entre as 11:00 e 12:00 horas concentracións ante os centros de traballo, edificios administrativos, hospitais, delegacións ministeriais e de xustiza...

Manifestacións:

A Coruña: Ás 20:00 h da Praza da Palloza. Manifestación central.

Burela: Ás 20:00 h da Praza da Mariña

Ferrol: Ás 20:30 h do Inferniño

Lugo: Ás 20:00 h da Ronda da Muralla, do edificio sindical

Pontevedra: Ás 20:30 h da Praza da ferrería

Santiago: Ás 20:00 h da Alameda

Ourense: Ás 20:00 h do Pavillón dos Remedios

Vigo: Ás 20:30 h da Vía Norte

Vilagarcía: Ás 21:00 h da Casa do Mar

DÍA 26 DE XULLO

Entre as 11:00 e 12:00 horas concentracións ante os centros de traballo, edificios administrativos, hospitais, delegacións ministeriais e de xustiza...

DÍA 30 DE XULLO

Manifestacións comarcais previstas inicialmente para as 19:30 horas.

Ligazón ao borrador de lei adaptación Real Decreto.

Volver