A alternativa da CIG-Ensino ao apartado retributivo do acordo implicaría un incremento salarial para todo o profesorado de 81€

A CIG-Ensino amosa con datos contundentes que o 74% do profesorado obtería unha suba superior á pactada e denuncia novamente un acordo que incide na segregación e división do profesorado, ademais de nas ratios e o horario, tamén no salario

Aínda que para a CIG-Ensino, como xa dixemos en numerosas ocasións, as supostas melloras retributivas neste acordo non foron máis que un intento de comprar vontades e esconder a negativa a outras melloras laborais, fixemos unha proposta que non dividise o profesorado fronte á proposta segregadora da Consellaría que foi aceptada desde o comezo polos demais sindicatos.

Este foi o texto presentado pola CIG-Ensino no referente ás retribucións:

O montante da masa salarial proposta para o incremento do complemento de sexenios e de desempeño de órganos unipersoais de goberno destinarase a un incremento salarial de carácter universal e lineal no complemento específico. Este incremento tería efectos en dous prazos: 50% o 01/01/2024 e restante 50% o 01/01/2025.

O pagamento do verán para o persoal substituto que traballe cinco meses e medio ao longo do curso académico estará de novo vixente no presente curso escolar.

Partindo da nosa proposta e usando datos oficiais dos orzamentos da Xunta de Galiza e do número de profesorado en activo para o cálculo, do total de cargos directivos, inspección educativa e o diferente persoal asesor, a  suba salarial  equitativa e lineal para todo o profesorado ascendería a 81€. 

Este cálculo faise cun reparto lineal da masa salarial que a Consellaría vai empregar en diferentes prazos (2024 e 2025 para titoría e sexenios e 2024, 2025 e 2026 para cargos directivos, inspeccións e persoal asesor).

Coa nosa proposta tal e como se pode ver na táboa anexa o 74% do profesorado melloraría as súas retribucións (de quen non ten sexenios a quen ten 3) Tan só quen ten 4 ou 5 sexenios percibiría unha suba menor que cun reparto que non fose equitativo. É importante destacar que este acordo é o primeiro desde 1990 que fixa unha suba retributiva non lineal e idéntica para todo o profesorado, incidindo na segregación e trato diferente.

O apartado salarial do acordo incide na división que provoca todo o acordo (horarios, ratios..) algo que para a CIG-Ensino foi e é inasumíbel.

Desde a CIG-Ensino tampouco esquecemos esixirlle á Consellaría o pago do verán para o persoal substituto que traballe un mínimo de cinco meses e medio ao longo do curso académico, outro dos dereitos arrebatados coa escusa da anterior crise e que, malia estar recollida expresamente no Acordo de persoal interino, segue sen aplicarse.

Volver