A adxudicación provisional da axudas aos Equipos de normalización lingüística confirma a denuncia da CIG Ensino sobre o importante recorte en Normalización

O orzamento total da actividade será de 550.000€ menos ca nas convocatorias dos dous cursos anteriores

No seu día, a CIG-Ensino denunciou que a convocatoria de axudas aos equipos de normalización Lingüística para este ano 2012 sufría unha redución orzamentaria do 69% respecto da convocatoria dos cursos 2009-2010 e 2010-2011 e do 75% respecto do curso 2008-2009.

A CIG-Ensino denunciaba que a convocatoria para o curso 2011-2012 era a peor das publicadas até hoxe, primeiro polo atraso excesivo e premeditado na convocatoria, o curso en que máis tarde se realizou, segundo, porque impide a realización de actividades no primeiro trimestre, setembro 2011-decembro 2011, xa que a convocatoria sinala taxativamente que só se aceptarán facturas do ano 2012 (até o 30 de xuño). E terceiro, pola redución orzamentaria dun 69%, para este curso o orzamento total da actividade será de 250.000€, 550.000€ menos ca nas convocatorias dos dous cursos anteriores e 750.000 € menos ca nas partidas asignadas antes da chegada do PP á Xunta.

Este recorte na convocatoria ten consecuencias extremadamente negativas, como denunciou a CIG-Ensino no seu día e agora se confirma:

-        Redución significativa do número de centros que se poderán beneficiar destas axudas:

Centros aos que se lles concede axuda para o ano 2012

Diferenza de centros que non perciben axuda respecto do curso anterior

A Coruña

349

-8

Lugo

89

-41

Ourense

107

-10

Pontevedra

332

-13

Total Galiza

877

-72

-        Redución da dotación media por centro que o ano pasado era duns 853€, mentres que este ano vai ser de  285 €, por tanto uns 570€ menos por centro.

-        Prexuízos económicos aos centros que programaron e realizaron actividades de normalización no primeiro trimestre, como todos os cursos, mais este ano non poderán recoller na xustificación da axuda.

A CIG-Ensino denuncia que unha vez máis é a normalización do noso idioma a que sofre os maiores recortes, proba inequívoca de que esta Consellaría de Educación ten un obxectivo claro: procurar a desaparición do noso idioma nos centros educativos e, por extensión, na sociedade galega.

Volver