O Cañada Blanch de Londres deixa de ofertar lingua galega como se viña facendo desde os anos 90
A CIG-Ensino acusa á Consellaría e ao Ministerio de eludir e incumprir as súas responsabilidades
Segundo a información publicada pola Consellaría en agosto, esta comprometíase a sufragar unha praza provisional durante este curso coa condición de que o Ministerio asegurase en vindeiros curso a continuidade deste proxecto. A día de hoxe a única certeza é que non se vai ofertar a materia de Lingua este curso e que non hai ningún movemento que indique que se volva facer nos próximos.
Comeza o curso 2026-27 sen clases de Lingua e literatura galegas no Instituto Cañada Blanch de Londres logo de que se implantara hai 35 anos como materia optativa para o alumnado do centro na que se ensinaba e divulgaba a nosa lingua.
O centro depende do Ministerio de Educación, quen viña sostendo un convenio de colaboración coa Xunta. Segundo informou á CIG-Ensino o subsecretario de Educación, Santiago Roura, o Ministerio decidiu “por problemas con intervención” non renovar este convenio. Ante isto, a Xunta comprometeuse a asumir só durante o curso 2026-2027 o salario dunha persoa docente e o complemento de estranxeiría que até entón sufragaba o Ministerio se finalmente despois este se comprometía a continuar co programa en vindeiros cursos. Nesta liña, publicaba un comunicado oficial o pasado mes de agosto no que anunciaba que acadara este compromiso co Ministerio e que se manterían, polo tanto, as clases de maneira transitoria durante o presente curso ao tempo que se adiaba para o vindeiro a convocatoria dunha praza docente para ser cuberta de forma definitiva. Todo isto nun contexto no que o 40% do alumnado matriculado na ESO, arredor de 40 estudantes tiñan formalizada a matrícula nesta materia.
Porén, aínda que a Consellería de Educación convocara en xuño de 2025 a praza para o curso 2025-2026, cun nomeamento que podía renovarse anualmente até un máximo de cinco anos, a realidade é que non se efectivizou a súa continuidade máis alá do primeiro ano. A isto hai que engadir que a propia convocatoria caracterizouse pola falta de transparencia e a carencia de criterios de avaliación obxectivos e accesíbeis no momento da selección de forma que repercutiu inxustamente sobre todas as persoas que concorreron ao proceso. Dado que no actual tampouco se vai ofertar, a CIG-Ensino aventura que desaparecerán as clases de galego pola falta de compromiso de ambos gobernos. O sindicato aféalle especialmente á Xunta que noutros conflitos que mantén co goberno central, como o das persoas auxiliares de conversa estranxeiras, si busque unha solución e anuncie un programa galego propio. Semella que a nosa lingua non merece o mesmo trato, tendo en conta que se trata dunha única praza docente.
Así as cousas, a CIG-Ensino lamenta que se perda un dos principais espazos de ensino e de divulgación da nosa lingua entre a comunidade galega do Reino Unido que lle viña outorgando un indiscutible prestixio. É innegábel, como vimos denunciando recorrentemente, a perda de competencia e uso do noso idioma entre a poboación escolar e este é, polo tanto, outro dos efectos colaterais da falta de vontade política da Administración galega en prol do galego. “Do Ministerio xa agardamos pouco, da Xunta, polo que se ve, non podemos agardar máis. Isto demostra que a súa política lingüística é mera propaganda e cando se trata de feitos o galego é segundo prato”, indican.
Por último, a CIG-Ensino esixe que se resolva a situación nomeando transitoriamente un docente sufragado, ben sexa pola Administración española ou pola galega, e convocando a praza para futuros cursos coa maior axilidade posíbel.

