Guía para a normalización lingüística desde os Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega
Eu ensino en galego
Como indicabamos no documento “Pon ao día o proxecto lingüístico de centro”, primeira entrega da campaña botada a andar pola CIG-Ensino “Eu ensino en galego”, o contexto de emerxencia lingüística que vivimos fai que, unha vez máis, constatemos que o profesorado é o modelo lingüístico a seguir polo alumnado. E é por isto que desde a campaña en xeral, e desde os documentos a ela vinculados en particular, facemos un chamamento a cada docente para que exerza o seu labor desde unha conciencia lingüística implicada e crítica con respecto á situación social da lingua galega.
Coa intención de facilitar o traballo do profesorado que coordina ou participa nos EDLG, facemos agora esta nova entrega centrada nos mesmos. Somos conscientes de que é necesario alimentar as iniciativas que se desenvolven nos Equipos dada a precariedade e voluntarismo co que moitas veces se traballa desde eles. Así, esta guía ofrece unha serie de útiles, prácticas e acaídas reflexións, recomendacións e propostas de actividades que a autora, Valentina Formoso, desde a súa ampla experiencia e formación neste campo, nos achega.
Por outro lado, consideramos que calquera iniciativa que se leve a cabo é boa tendo en conta que a única mirada de atención cara á nosa lingua parte dos propios centros de ensino, normalmente a través dos EDLG, á que non se suma, como debera, a da Administración educativa, que nin sequera cumpre os exiguos mandatos do Decreto en vigor: os Equipos non contan con recursoss técnicos, nin coa dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e de materiais precisos, nin hai un programa regular de actividades de fomento da lingua en cada centro educativo como campa na norma.
Somos sabedoras de que, malia ser o ensino o ámbito no que se forxa a sociedade do futuro e estar o alumnado entre a franxa de idade que máis acusa a perda de competencia e uso do galego, a mencionada situación de emerxencia non son quen de revertela na súa totalidade os EDLG por ben titánico que sexa o seu esforzo. É precisa unha nova Política Lingüística que, no ámbito do ensino, comece por derrogar o Decreto de Plurilingüismo e continúe, entre moitos outros aspectos, por formar o profesorado e dotar de recursos humanos e económicos os Equipos. Entre tanto, animamos o colectivo docente a traballar con compromiso e activismo cos vimbios que, polo de agora, temos para non decaer na meta de dignificar e incrementar o uso da nosa lingua. Confiamos en que este traballo ha de servir de axuda.
Novas relacionadas

