A CIG-Ensino presenta a campaña Respéctame! para exixir á administración que deixe de menosprezar ás docentes, que representan máis do 70% do profesorado

O sindicato artella esta campaña na véspera do 8 de marzo para denunciar que a Consellaría incumpra reiteradamente a normativa ao non contar con Plan de Igualdade e Protocolo de Acoso que debían estar en vigor desde 2025.

O cartaz, deseñado pola ilustradora Saila Chao, representa a dignidade dunha profesora ante a aula e fronte á imposición de quen cuestionan a súa profesionalidade, perpetúan as desigualdades a todos os niveis, impoñen censuras ideolóxicas e as desprotexen fronte a posibles situacións de acoso no traballo.

No mes de outubro a CIG anunciou que facilitaría o avance na negociación do Plan de Igualdade asumindo a falta dalgún dato relevante coa vontade de poder comezar dunha vez por todas coa elaboración do Protocolo de Acoso e o Acordo de Medidas. Pese a isto, o sindicato non recibiu desde entón nova documentación nin convocatoria para reunirse e avanzar dunha vez por todas para que o profesorado galego conte con estas tres ferramentas imprescindíbeis.

Cal é a intención da Consellaría? Sumando os nove meses de parálise absoluta do inicio máis estes catro da actualidade, dos que a administración é única responsable, sae un balance desolador. Non se fixo nada en máis de dous terzos do tempo transcorrido desde o inicio da negociación. Estamos a traballar con datos do ano 2024 e o plan debera de estar publicado no 2025, imos ter protocolo e plan no 2026? Queda moito traballo aínda por facer e este tema segue a ser residual na axenda da administración educativa.

As materias do plan de igualdade inclúen, entre outras:

-Análise e mellora das condicións de traballo, onde corresponde negociar a situación na que se atopa o profesorado en xeral e o especialmente vulnerabél, como é o substituto, colectivo cunha feminización superior á media. Demandaremos novamente o pagamento do mes do verán ou a modificación dos requisitos para a restrición de zonas para as substitucións, entre outras cuestións.

-Exercicio corresponsábel dos dereitos da vida persoal, laboral e familiar: levamos anos reclamando que se actualice a normativa de permisos e licenzas, unh Orde de hai 10 anos desfasada en cuestións relacionadas co coidado e cos permisos de nacemento e, o máis importante, que se avance nos dereitos de conciliación. A última modificación estatal non supuxo para as mulleres traballadoras da administración pública galega ningunha mellora, xa que non se viu incrementado o permiso de nacemento. A única beneficiada foi a Consellería que aforra cartos ao asumir a Seguridade Social unha porcentaxe maior do permiso para o persoal substituto e interino.

Sobre esta materia queremos pór en valor a intención decidida que sempre tivo a CIG-Ensino de loitar pola corresponsabilidade, gañando unha sentenza en primeira instancia para que a outra persoa proxenitora tivera as mesmas 22 semanas de permiso, que foi recorrida e gañada pola Xunta no TSXG. Ante esta actitude reprobábel da administración, o sindicato quixo esgotar a vía xudicial ata o final e estes días vén de coñecer que non foi admitida a trámite polo Tribunal Supremo.

-Retribucións: cos datos que dispoñemos sabemos que existe unha diferenza entre os salarios medios de mulleres e homes asociadas fundamentalmente a determinados complementos que están masculinizados.

-Formación: demandaremos que se imparta formación en igualdade durante a xornada laboral e con perspectiva de xénero.

-Riscos laborais: é urxente introducir a perspectiva de xénero na avaliación de postos de traballo e facer efectiva a licenza por risco no embarazo e lactación xa que é ridículo o número de mulleres que están accedendo a este tipo de licenzas pola nefasta xestión que fai a Consellería de Educación das mesmas.

-Proceso de selección ou contratación: reiteradamente, a última ocasión na Mesa Sectorial para a modificación do acordo do persoal substituto e interino, exiximos que se garanta o dereito dunha muller con IT derivada do embarazo a tomar posesión con carácter administrativo, de forma que este tempo lle compute para oposicións, xubiliacións, trienios...

-Promoción profesional e infrarrepresentación feminina: garantir que o uso dos dereitos de conciliación non sexa un atranco para a promoción profesional das docentes en diferentes tipos de postos de traballo.

-Violencia de xénero: elaborar un protocolo de atención ás vítimas de violencia de xénero.

-Protocolo para a prevención e procedemento de actuación nos casos de denuncia por acoso: contrariamente ao papel que debera de ter a administración de garantir un bo ambiente laboral, a Consellaría de Educación opta por eludir a obriga de dotar ao seu persoal dun protocolo de prevención fronte a todos os tipos de acoso. Neste sentido xa existen sentenzas que recoñecen que a inspección educativa non é o órgano competente para a investigación dun presunto caso de acoso é que só unha comisión de investigación negociada é garante de obxectividade, imparcialidde e especialización.

Fronte á hipocrisía dos discursos institucionais o sindicato exixe, como o facía nunha concentración de delegadas o pasado 25 de novembro, respecto cara as mulleres traballadoras que se ven desprotexidas nos centros de ensino, cunhas condicións laborais en progresivo deterioro e nunha deriva social machista que dificulta a súa saúde e seguridade no traballo.

Neste contexto de loita pola mellora das condicións de traballo do profesorado a CIG-Ensino sempre aspirou a que a negociación do Plan de igualdade puidera ser unha ferramenta máis para acadar estes obxectivos. Entendemos que é por iso polo que a Consellería intencionadamente bloquea esta vía de negociación incumprindo a lexislación en materia de igualdade ano tras ano.

Material didáctico para traballar nas aulas o 8 de marzo

Dentro das accións con motivo do Día Internacional das mulleres traballadoras a CIG-Ensino e a AS-PG poñen a disposición do profesorado unha proposta didáctica dirixida a distintos niveis educativos que se pode atopar nesta ligazón. Así mesmo, tamén se poden consultar outros materiais relacionados coa coeducación e a igualdade na sección de “Recursos” da nosa web, algún deles extraídos das Xornadas das Mulleres que levamos a cabo en diferentes edicións: a charla da directora de cine Oiane Sagasti que veu presentar a serie documental “Xeración porno”, a presentación “Falar de sexualidade co alumnado” da sexóloga e xornalista Laura Veiga, a presentación “Perpetuando”, proxecto de reinvención da historia da fotografía en clave de igualdade ou, entre outras, iniciativas como “ O barrio en feminino” levada a cabo no CEIP Concepción Arenal da Coruña.

Se coma este último centro tiverades interese en publicitar algún tivo de material didáctico resultado de actividades realizadas na vosa comunidade educativa, podedes poñervos en contacto con nós en formacion@cig-ensino.gal.

Volver