Material para traballar nas aulas o 8 de marzo
Material didáctico relacionado coa coeducación e a igualdade.
Coma todos os anos, a CIG-Ensino e a AS-PG poñen a disposición do profesorado unha proposta didáctica para traballar nas aulas o Día Internacional das Mulleres Traballadoras. Baixo o título "Estratexias coeducativas para traballar na aula", a autora, Leo Gala Torres, profesora de Secundaria e técnica en promoción de igualdade e de xénero achega 10 actividades e referencias videográficas e dixitais para abordar esta temática adaptada a distintos niveis educativos.
Ademais, na sección Recursos desta web hai moitas propostas atemporais que poden consultarse para o seu uso con fins didácticos, moitas delas extraídas das Xornadas das Mulleres, que levamos a cabo en diferentes edicións como, por exemplo, a charla da directora de cine, Oiane Sagasti, que veu presentar a serie documental “Xeración porno”, a presentación “Falar de sexualidade co alumnado” da sexóloga e xornalista Laura Veiga, a presentación “Perpetuando”, proxecto de reinvención da historia da fotografía en clave de igualdade das profesoras Olaia Sendón e Ana Monteagudo ou iniciativas como “ O barrio en feminino” levada a cabo no CEIP Concepción Arenal da Coruña.
No caso de ter interese, como no caso deste último centro, en que se difunda o material didáctico resultado de actividades e proxectos levados a cabo na vosa comunidade educativa, podedes poñervos en contacto con nós en formacion@cig-ensino.gal.


