A CIG-Ensino denuncia que as avaliacións de diagnóstico supoñen unha nova sobrecarga laboral e burocrática para o profesorado
O sindicato critica as avaliacións externas estandarizadas que non se adaptan ao contexto do alumnado, nin se materializan en medidas que melloren a calidade do ensino público
A Resolución do 13 de marzo de 2026, pola que se regulan as probas deste curso en Galiza, establece que será o propio profesorado quen asuma tanto a aplicación como a corrección das probas. Todo isto sen redución do horario lectivo nin dotación de recursos adicionais, o que supón unha sobrecarga de traballo evidente. Resulta especialmente grave que esta carga extra se pretenda compensar unicamente co recoñecemento de 20 horas de formación. Desde a CIG-Ensino consideramos que esta medida é totalmente insuficiente e inapropiada, xa que desvirtúa o propio concepto de formación permanente do profesorado.
A experiencia de cursos anteriores tamén puxo de manifesto problemas organizativos relevantes, desaxustes curriculares, escasa adaptación á diversidade do alumnado e a coincidencia con períodos de elevada carga de traballo docente, especialmente para o profesorado de Secundaria e Bacharelato, como trasladou a CIG-Ensino na mesa sectorial na que se negociou a Orde que regula o calendario escolar deste curso, na que se recollen as datas nas que se ten que realizar ditas probas.
Estas probas veñen desenvolvéndose desde o curso 2023/2024 e son de carácter obrigatorio para comprobar o “grao de dominio da competencia lingüística nas linguas cooficiais e matemática”. Porén, a Consellaría de Educación sempre incorporou unha proba de inglés tanto en primaria como en secundaria e incluíu a maiores Ciencias Naturais e Ciencias Sociais en 4º de Primaria e Xeografía e Historia, Física e Química e Bioloxía e Xeoloxía en 2º da ESO, de aí que a duración das mesmas pasase de tres días a unha semana. Este curso serán do 13 ao 17 de abril en secundaria e do 20 ao 24 en primaria.
A LOMLOE establece no artigo 144 que os equipos directivos e o profesorado colaborarán coas administracións educativas nas avaliacións de diagnóstico que se desenvolvan nos centros e que estas deben ter un carácter “informativo, formativo e orientador”, encamiñadas a “adoptar medidas de mellora da calidade e a equidade da educación e orienten a práctica docente”. Fronte a isto o que se evidencia despois destes anos é que os resultados obtidos non derivan nun incremento de recursos estable para a atención á diversidade, ben sexa mediante a dotación de especialistas de PT, AL e persoal de Orientación, ben sexa coa autorización de reforzos e desdobres, ben a través dunha redución de ratios nestas etapas. Todo o contrario. A súa realización supón un incremento da carga lectiva e burocrática para o profesorado que ve alterada considerablemente a súa programación académica, non só durante a semana que duran as probas senón durante todo o curso, véndose obrigado a adiantar a impartición de determinados contidos curriculares ou a “desantender” outros cursos e etapas para participar na vixilancia e corrección destas probas.
Mentres que a maioría do profesorado ten a sensación de que estas probas supón cando menos unha “semana perdida” a nivel académico, a interpretación e uso que fai a Consellaría dos resultados é bastante perniciosa, por exemplo ao incluír como requisito para optar a programas como o PROA+ a acreditación da participación dun mínimo do 40% do alumnado nestas probas ou a comparación das puntuacións medias obtidas polos centros co seu grupo de referencia, malia que precisamente a elaboración dun “ranking” de centros foi un dos elementos máis contestados da LOMCE e levados ao xulgado pola CIG-Ensino, de aí que se eliminara na LOMLOE. En calquera caso, para o sindicato, nin a participación nestas probas que teoricamente é opcional para o alumnado, aínda que na práctica é case inviable que non acudan aos centros durante unha semana, nin os resultados obtidos deben ser tidos en conta como requisito para a obtención de docentes de reforzo, senón que teñen que ser os informes dos EOE e dos departamentos de Orientación os que determinen a necesidade destes apoios.
Neste sentido a CIG-Ensino leva tempo denunciando que medidas como os PROA+ son parciais e insuficientes. Sen abordar a falta de recursos estruturais, a redución de ratios e a insuficiente dotación de persoal, este tipo de iniciativas funcionan, na práctica, como meros parches tendo en conta ademais que a maioría son contratos a media xornada.
O sindicato reitera a súa oposición ás avaliacións externas estandarizadas, que non teñen unha utilidade pedagóxica real, nin se traducen en medidas concretas de apoio ao alumnado e exixe á Consellaría de Educación a recuperación do horario lectivo das 21 e 18 horas para que sexa viábel asumir este traballo adicional ademais de revisar un modelo de avaliación imposto sen consenso coa comunidade educativa. Mentres, para este curso e sendo conscientes do axustados que están os cadros de persoal nos que non hai profesorado suficiente para facer gardas propón que se artelle liberación de horario lectivo para o profesorado implicado na realización e corrección destas probas.
A propia Consellaría, nas súas comunicacións, gábase de imitar modelos como PISA, TIMSS e PIRLS e de que licitou para dúas anualidades a contratación da plataforma informática para a realización das probas por 287.545 euros. Este modelo, que pretende ser integramente dixital, tamén está sendo posto en dúbida polo profesorado de primaria dado que en 4º o alumnado aínda non está familiarizado con este tipo de aplicacións e reduce considerabelmente a capacidade de análise e resposta ante as probas propostas. Coma sempre, a administración prefire investir en tecnoloxía que en persoal, dado que o contido das mesmas vai seguir sendo elaborado polo Servizo de Avaliación do Sistema Educativo e a execución, vixilancia e corrección polo profesorado dos propios centros.
Para a CIG-Ensino estas probas non responden a unha avaliación do sistema educativo senón de meros coñecementos, homoxéneos, e cuxos resultados non supoñen unha utilidade real e positiva no día a día das aulas polo que cómpre a súa revisión normativa. É por isto que continuará defendendo un ensino público galego de calidade, con condicións laborais dignas para o profesorado e medidas que respondan verdadeiramente ás necesidades do alumnado. É primordial ter en conta a opinión de quen está nas aulas día a día e da súa representación laboral para o deseño e realización deste tipo de probas, polo que tamén para rexeitar esta falta de consideración cara o profesorado o sindicato chama a participar masivamente na folga xeral docente convocada o día 28 de abril.
Novas relacionadas

