Convocada unha nova xornada de folga no ensino público para o 28 de abril

O profesorado galego anuncia máis mobilizacións ante a inacción da Consellaría

  • A folga xorde do acordo de acción conxunta de vontade unitaria entre as Asembleas Abertas e os sindicatos CIG-Ensino e STEG, aglutinando a maioría do corpo docente galego de todas as etapas educativas.
  • Alertan de que haberá máis mobilizacións e novas xornadas de folga máis longas se a Consellaría non senta a negociar.
  • Prevén para comezos de maio unha xornada de loita descentralizada xunto a colectivos de toda a comunidade educativa. 

Representantes dos sindicatos CIG-Ensino e STEG, así como das Asembleas Abertas do Ensino Público, presentaron esta mañá en rolda de prensa un calendario de accións conxuntas e unitarias para forzar á Consellaría de Educación a unha negociación sobre as condicións de traballo das docentes dos centros públicos galegos

As organizacións sindicais CIG-Ensino e STEG, que representan a maioría do profesorado galego, iniciaron a comezos deste curso mobilizacións para reclamar a recuperación dos dereitos que o corpo docente galego tiña acadado antes da crise, así como a adecuación das condicións de traballo ao contexto social e educativo actual. Estas mobilizacións eran a continuidade das que xa encetaran como resposta ao acordo sindical coa minoría da Mesa Sectorial en outubro de 2023. 

Estamos, por tanto, nunha loita de longo percorrido na que o futuro do ensino público e a defensa do profesorado se ten colocado no centro do debate. Durante este curso convocamos 5 xornadas de folga que estiveron acompañadas doutras accións como peches en distintos centros educativos e manifestacións en numerosas cidades e vilas do país.

Ao tempo, o evidente descontento respecto das condicións dos centros públicos, ten levado a profesorado a organizarse nas Asembleas Abertas do Ensino Público, un dobre espazo de traballo: no local, coa idea de vehicular as denuncias sobre as problemáticas concretas de cada centro; e no asociativo, buscando a unidade e mobilización de todo o profesorado e profesionais do ensino.

Este colectivo non aspira a suplantar o papel das organizacións sindicais, senón a vertebrar a mobilización do profesorado, a través dun movemento asembleario, aberto e participativo, onde todas as voces teñan cabida.

A situación do profesorado galego non ten mellorado nin un ápice durante este curso, malia os anuncios do conselleiro Román Rodríguez e as súas manobras desmobilizadoras. As reivindicacións seguen a pasar pola recuperación dos dereitos perdidos coa escusa da crise,  nomeadamente as sesións lectivas máximas (18 para secundaria, 21 para infantil e primaria) e a redución das rateos de alumnado por grupo así como do total de alumnado que cada docente debe atender, tanto nas especialidades de docencia directa na aula como na de Orientación educativa. 

Así mesmo, reclámase o dereito do profesorado substituto a cobrar os meses do verán cando traballan máis de 5 meses e medio. Insístese tamén, na necesidade de aumentar a contratación de profesorado especialista que permita unha maior atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, e unha conseguinte actualización dos catálogos dos centros de infantil e primaria, que datan de 2007. Todas estas cuestións pasan, en definitiva, polo compromiso firme de contratación de máis profesorado en todas as etapas e especialidades.

As tres entidades esixen que o conselleiro de Educación sente a negociar sen impoñer condicións nin sinaturas de cheques en branco, xa que o mal chamado Acordo de Melloras non convence á maioría do profesorado galego.

As accións presentadas na rolda de prensa desta mañá teñen dous fitos principais. Por unha banda, unha folga o martes 28 de abril cunha manifestación ás 12h da mañá que partirá da Alameda, á que está convocado todo o persoal do ensino de todas as etapas e corpos do ensino público galego; e, na semana seguinte, a celebración de manifestacións deslocalizadas onde está chamada a participar toda a comunidade educativa. 

As representantes de CIG-Ensino, STEG e Asembleas Abertas do Ensino Público anunciaron que inician desde hoxe o traballo conxunto de cara á organización desta folga, incluídas accións previas de sensibilización e mobilización da comunidade educativa a través de comités unitarios.

Martes de loito. Martes de loita

Ademais, segue en marcha a campaña “martes en loita” na que se anima ao profesorado a vestir de negro e con mensaxes reivindicativas tanto dentro como fóra do seu posto de traballo e a transmitir nas clases e nas titorías con familias as demandas que están protagonizando este curso e que lles afectan directamente: ratios elevadas, falta de persoal para atender a diversidade, xubilacións amortizadas, profesorado impartindo materias das que non é especialista, burocracia asfixiante, falta de liberdade pedagóxica...

Volver