A CIG-Ensino aspira a seguir sendo a voz maioritaria do profesorado galego baixo o lema “Coa túa forza”

O 1 de decembro celébranse as eleccións sindicais no ensino público non universitario nas que está chamado a participar un colectivo de 33.068 docentes para a elección de 146 delegados e delegadas.

As candidaturas da CIG-Ensino están compostas por 963 persoas, das cales o 62% son mulleres, e procuran combinar a inmensa pluralidade do profesorado, con representación de todo tipo de centros educativos, desde escolas infantís a conservatorios, pasando por colexios, institutos, unitarias, centros integrados de FP ou escolas de idiomas.

A CIG-Ensino aspira a revalidar a confianza maioritaria do profesorado galego do ensino público non universitario nas vindeiras elección sindicais previstas para o 1 de decembro. Baixo o lema “Coa túa forza” o sindicato márcase como obxectivo cando menos repetir os resultados de hai 4 anos nos que acadara un total de 9.157 votos e 60 delegadas. Nestes comicios están chamadas a participar un total de 33.068 docentes, elíxense 146 delegados e delegadas e haberá un total de 874 mesas electorais distribuídas polos centros educativos do país para favorecer ao máximo a participación do profesorado.  

Esta mañá presentouse o programa electoral e as candidaturas da CIG-Ensino que están encabezadas polo secretario nacional, Suso Bermello, mestre de Primaria en excedencia e profesor de Xeografía e Historia con destino no IES Agra de Leborís, na Laracha, e cabeza de lista pola provincia da Coruña. Bermello estivo acompañado no acto desta mañá por Laura Arrojo, profesora de Matemáticas con destino no IES Gregorio Fernández, de Sarria; Elena Añel, mestra especialista de PT en excedencia e actualmente con destino como Orientadora Educativa no IES Cosme López da Rúa e Maruxa Martínez, profesora de Bioloxía e Xeoloxía no IES San Tomé de Vigo.

Segundo explicou o propio Bermello “as candidaturas da CIG-Ensino que suman un total de 963 persoas pretenden aglutinar toda a pluralidade existente entre o profesorado, tanto no que ten a ver coa súa especialidade e etapa educativa na que imparte docencia como na súa concepción da profesión docente baixo a premisa común da defensa do ensino público. Como non podía ser doutro xeito para reflectir a realidade dun colectivo claramente feminizado -engadiu- a porcentaxe de mulleres é maior, chegando ao 62% do total (597) fronte ao 38% (366) que son homes.” 

Nas candidaturas inclúese persoal docente que traballa desde en unitarias até en escolas infantís, colexios públicos integrados, centros de infantil e primaria, institutos, centros integrados de FP, conservatorios de música, escolas oficiais de idiomas e escolas superiores de arte e deseño. “Procuramos que ningún perfil de profesorado nin de centro quedara ausente das nosas candidaturas co obxectivo de que sexan un reflexo da propia realidade do persoal docente, combinando a experiencia coas novas incorporacións, docentes cunha dilatada carreira profesional e compromiso sindical con funcionariado que se acaba de incorporar ao ensino público neste curso; unha diversidade que tamén se dá no caso do persoal interino e substituto, entre membros dos equipos directivos… buscando que todo o profesorado non só se sinta representado por unhas siglas ás que leva votando maioritariamente desde hai anos senón tamén polos centos de persoas que integran as listas electorais da CIG-Ensino”, engadiu. 

Por provincias, as papeletas da CIG-Ensino contarán con 277 persoas na Coruña, 220 en Lugo, 200 en Ourense e 266 en Pontevedra, unhas cifras que gardan relación cos censos electorais en cada provincia: 13.661 docentes na Coruña, 4.263 en Lugo, 3.487 en Ourense e 11.657 en Pontevedra.

A infrarrepresentación sindical nun sistema pensado para reducir a capacidade de actuación do profesorado. 

Bermello fixo fincapé nunha lexislación electoral obsoleta para o ámbito docente, con eleccións provinciais que reducen o número de representantes a elixir. Coas normas das eleccións a comités de empresa no sector privado ou mesmo público noutros ámbitos diferentes ao docente, o número de delegados e delegadas a elixir sería moi superior. 

Para facerse unha idea da discriminación na representación do profesorado do ensino público hai que pensar que a cifra de 146 persoas que sairán elixidas no ensino público galego é a equivalente ao que se elixe en menos de 20 centros educativos privados. Neste sentido, a CIG-Ensino sempre foi partidaria de eleccións por centros de traballo e non por ámbitos provinciais e, como paso intermedio, pola ampliación de dereitos e de representatividade do funcionariado docente.

Ligazón ao programa electoral e ás candidaturas

Unha ollada rápida ao programa electoral

O secretario nacional da CIG-Ensino lembrou que da representatividade que obteña a CIG-Ensino nestas eleccións vai depender a voz maioritaria que vai defender o profesorado e o ensino público galego nas mesas de negociación do Estado e da Xunta e lembrou como principais obxectivos que se marcan para os vindeiros catro anos os seguintes: 

  • Frear os recortes de persoal que se produciron nos últimos anos mediante amortización de xubilacións; non atender as demandas de profesorado dos centros, sobre todo para a atención ao alumnado con diversidade; o peche de unidades no rural e o desvío de fondos ao ensino concertado, especialmente no caso dos centros que segregan por xénero.
  • A baixada de ratios en todas as etapas educativas, como xa se está a negociar ou a implantar nalgunhas comunidades autónomas. Unha demanda que une a toda a comunidade educativa e que se demostrou durante a pandemia, nos casos nos que se produciron desdobres, que é a mellor garantía dunha atención educativa de calidade.
  • A recuperación dos dereitos arrebatados durante o goberno do PP na Xunta, nomeadamente a volta ao horario lectivo de 18 horas en secundaria e 21 en primaria, de forma que se reduzan as itinerancias nas etapas de infantil e primaria e a impartición de materias afíns por profesorado que non é especialista en secundaria, bacharelato e FP. Esta medida suporía ademais a contratación o profesorado que se foi perdendo polos recortes aplicados pola Xunta nos últimos anos.
  • Eliminar a burocracia inútil e fomentar a autonomía dos centros e do profesorado á hora de deseñar os contidos e a actividade pedagóxica. Ter en conta a participación do persoal docente na elaboración das normas educativas e negociar un estatuto docente galego que dea resposta ás necesidades do profesorado galego.
  • Reforzar un modelo de ensino público, gratuíto, galego, en galego, laico, inclusivo e feminista, no que a Xunta asuma a xestión dos servizos complementarios como o transporte escolar e os comedores e no que se eduque en valores desde unha perspectiva crítica e para a paz, a conservación do medio ambiente, a igualdade, a solidariedade e a xustiza social.
  • Poñer no foco do debate público e sindical a saúde de profesorado e alumnado que se viu claramente afectada despois da pandemia.
  • Recuperar o poder adquisitivo e garantir uns salarios dignos que fagan fronte ao aumento da carestía da vida dentro dunha estratexia global de reforzo dos servizos públicos que garantan a igualdade social.
  • Negociar unha carreira profesional que mellore a situación actual do profesorado no camiño cara un corpo único docente, vencendo as resistencias dos diferentes gobernos, español e galego, a dar cumprimento á histórica demanda de a función docente sexa recoñecida por igual, coa integración de todo o profesorado no subgrupo A1.
  • Eliminar a taxa de reposición para que se poidan celebrar amplas ofertas de emprego e ampliar os actuais cadros de persoal e garantir a estabilidade do persoal interino e substituto que leva anos traballando en precario para a administración.
  • Reforzar un modelo de formación do profesorado innovador e que se supla as carencias da oferta da Consellaría, adaptándoa ás necesidades de cada colectivo docente.
  • Loitar contra a privatización e o incremento dos concertos educativos sobre todo en etapas nas que até o de agora eran insignificantes.
  • Derrogar o Decreto de Plurilingüismo e implantar un modelo de normalización do galego no ensino que reverta a actual situación na que este non cumpre a súa función de ser un elemento central para promover a galeguización da sociedade, garantido a plena competencia e o uso do noso idioma entre todo o alumnado. Modificar o sistema de aprendizaxe das linguas estranxeiras que pase por desdobres en grupos reducidos con profesorado especialista e reforzar a presenza do Portugués no ensino.

Volver