Xuntanza das organizacións sindicais do ensino concertado cos grupos políticos parlamentarios: denunciamos o bloqueo do PP e esiximos solucións
O PSOE presenta unha proposta lexislativa concreta para desbloquear os dereitos laborais, mentres o BNG se compromete a estudar iniciativas e o PP non achega ningunha solución
As seis organizacións sindicais con representatividade no ensino concertado galego —FSIE, UGT, CCOO Ensino, USO, SNEP e CIG-Ensino— mantivemos o 28 de outubro reunións coa representación de Ensino dos tres grupos parlamentarios: Cecilia Vázquez (PP), Aitor Bouza (PSOE) e Cristina Fernández (BNG).
O obxectivo foi trasladar a grave situación laboral do sector e reclamar medidas para recuperar os dereitos laborais e retributivos, restablecer a negociación colectiva e cumprir os acordos pendentes.
Tamén defendemos que a calidade educativa é inseparable das condicións laborais. O alumnado dos centros concertados merece unha educación de calidade, con recursos e medios adecuados. Ao tratarse de centros sostidos con fondos públicos, a Xunta debe asumir a súa responsabilidade e garantir que o ensino non se sosteña sobre a precariedade do persoal.
Este é un conflito laboral, non un debate ideolóxico sobre modelos educativos. O que reclamamos é respecto polos dereitos das persoas traballadoras e a eliminación das trabas que impiden avanzar.
PP: ningunha proposta para resolver o conflito
A reunión co Partido Popular foi decepcionante. O grupo que sustenta o Goberno galego acudiu sen ningunha proposta nin medida concreta, limitándose a repetir os argumentos da Consellería, defender as declaracións do conselleiro e comprometerse a trasladarlle as reivindicacións sindicais.
O PP pretende trasladar ao Goberno as demandas que ese mesmo Goberno leva anos sen atender.Non abonda con xustificar o bloqueo: quen goberna ten a responsabilidade de poñerlle fin. Non pode financiar un servizo educativo e desentenderse dos dereitos laborais de quen o sostén.
BNG: disposición a estudar iniciativas e emendar orzamentos de 2027
A deputada nacionalista, Cristina Fernández, mostrou empatía coa situación do persoal e comprometeuse a estudar co seu grupo posibles iniciativas lexislativas para desbloquear o conflito, incluída a presentación de emendas aos orzamentos.
Agardamos que esta disposición se traduza en medidas concretas que permitan avanzar na recuperación dos dereitos laborais e retributivos do persoal.
PSOE: unha proposta lexislativa concreta para eliminar o bloqueo
Na reunión con Aitor Bouza, o PSOE recoñeceu a natureza laboral do conflito e comprometeuse a presentar emendas aos orzamentos para eliminar os obstáculos que bloquean os avances laborais e retributivos.
Ademais, trasladou ás organizacións sindicais un borrador de proposición de lei para modificar a Lei 4/2025, de orzamentos de Galicia para 2026. A iniciativa propón suprimir o segundo parágrafo do artigo 58 e o apartado primeiro da disposición adicional décimo segunda, co obxectivo de eliminar as trabas que manteñen suspendido o acordo do 24 de abril de 2008.
A Xunta debe asumir a súa responsabilidade
As seis organizacións sindicais denunciamos que o goberno do Partido Popular mantén unha política que prolonga o conflito, ao tempo que evita asumir a responsabilidade de desbloquear a situación.
Sen condicións laborais dignas non hai un servizo educativo de calidade. Investir na educación significa garantir os dereitos, a estabilidade e o recoñecemento das persoas que a sosteñen cada día. Os dereitos laborais non poden quedar á marxe das decisións políticas.
FSIE, UGT, CCOO Ensino, USO, SNEP e CIG-Ensino manteremos a unidade sindical e seguiremos esixindo a eliminación dos bloqueos orzamentarios, o cumprimento dos acordos e unha negociación efectiva.

