XIII Convenio Estatal Educación Infantil 0-3: as patronais porfían no bloqueo das negociacións e decidiron xunto cos sindicatos estatais acudir ao SIMA, para "desatascar a situación"
A CIG-Ensino denuncia o mantemento do bloqueo patronal, xa no primeiro grupo de traballo creado: xornada e IT, e reitera "que este novo método de negociación non era a solución, e que a loita e a presión son o único camiño para avanzar".
Na 15ª mesa negociadora celebrada o 15 de xaneiro, logo de case dous anos de negociación e ante o inmobilismo e involucionismo das patronais do sector, decidiuse polas organizacións maioritarias crear "grupos de traballo por temáticas" para intentar avanzar nas negociacións bloqueadas e de non acadalo acudir ao SIMA. O posicionamento da CIG-Ensino foi de rexeitamento tal e como se recolle nas actas das mesas negociadoras anteriores. Primeiro porque implica alongar máis unhas negociacións e apagar o conflito aberto e segundo porque acudir ao SIMA significa renunciar ao dereito á negociación colectiva pola parte social, anulando o conflito e deixando que sexa un "xuíz-árbitro" do sistema de mediación e arbitraxe o que tome decisións, que poden ser contrarias ás reivindicacións "claras e lexítimas" do colectivo afectado e das OO.SS que o representamos, e que verdadeiramente o defendemos.
E o tempo está a darnos a razón. Onte, 1 de febreiro, no primeiro grupo de traballo para tratar a xornada e a IT, a patronal bloqueou as negociacións ao non conceder avances significativos na mellora da xornada laboral (nin redución das xornadas nin división en lectivas e non lectivas), dado que os mínimos "avances" propostos de recoñecer no convenio que na xornada actual se deben facer labores non lectivas estarían vinculados á súa proposta de involución nas ITs. E todo isto, dentro da súa proposta salarial!
Pola parte social rexeitouse tal proposta e intentouse desbloquear esta situación, pero o resultado foi nulo. Isto levou a non seguir con estes grupos de traballo e acudir xa ao SIMA, quedando as partes en redactar petición. A CIG-Ensino aínda que é contraria á arbitraxe, acudirá á mesma na defensa dos dereitos do persoal que representa na Galiza e presionará para que non se peche en falso unha vez máis o convenio.
O rumbo das negociacións fai que vaia tendo máis sentido a demanda da CIG de contarmos cun convenio galego digno que poidamos negociar directamente e non depender do ámbito estatal no que a patronal está a xogar claramente coas traballadoras, retrasando o máximo posíbel unha saída á negociación para aforrar cartos e manter a precariedade do convenio actual o máximo posible, pois o tempo corre ao seu favor.
A CIG-Ensino trasladará á súa RLT e afiliación esta situación e as medidas a adoptar, ante esta nova situación e convocará as demais OOSS galegas, que nos mobilizamos en unidade, tal e como tiñamos acordado sempre que non houbese avances na negociación, para tomar decisións mobilizadoras na Galiza, dado que a pasividade xoga na nosa contra.