Vigo maniféstase contra os recortes no ensino público

Resposta masiva na mobilización convocada por FOANPAS e ADICOPUVI e apoiada pola CIG-Ensino contra os recortes no ensino e a falta de recursos que padecen os centros públicos da cidade

A CIG-Ensino felicita á comunidade educativa da cidade pola resposta dada onte na manifestación que percorreu as rúas de Vigo e anima á comunidade educativa a participar na manifestación nacional que se desenvolverá o sábado 26 de outubro en Compostela.

A comunidade educativa da cidade (máis de 1.000 persoas) quixo deixar claro que a gravidade do que está a acontecer e a falta de solucións por parte do goberno do Partido Popular obriga a mobilizarnos para expoñer o desleixo das administracións que fan desta unha situación insostible.

Os colectivos consideran que o máis grave, e o que máis afecta á educación das crianzas, é a falta de recursos humanos: faltan docentes e faltan especialistas para atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. O profesorado é insuficiente, pero a falta de PT (especialista en Pedagoxía Terapéutica), AL (especialista de Audición e Linguaxe), orientadoras/es e coidadoras/es afecta á calidade do ensino, pero sobre todo, supón unha vulneración de dereitos.

Consideramos fundamental sensibilizar a cidadanía sobre as necesidades da infancia e a súa atención educativa.

Queremos un ensino no que as nosas fillas e os nosos fillos poidan ser, estar, pertencer e progresar, e iso só se acadará en condicións óptimas, cos recursos necesarios e investindo na educación como o motor que é da sociedade.

Vémonos o sábado 26 en Compostela

Volver