Unhas 100.000 persoas mobilízanse coa CIG na xornada de folga xeral para exixir unha vida digna

No ensino, aínda que non se poden dar datos absolutos, o paro foi secundando practicamente de forma total polo alumnado nas universidades, secundaria e FP mentres que o seguimento do profesorado en Secundaria foi do 60% e en Primaria do 50%.

Unhas 100.000 persoas mobilizáronse esta mañá nas 17 manifestacións multitudinarias convocadas pola CIG, en cidades e vilas de toda Galiza, nesta xornada de folga xeral para reclamar respostas á grave carestía da vida e ao aumento da pobreza laboral que está esganando o conxunto do pobo galego. Unha folga que “é a suma de todas as loitas que levamos facendo nos últimos anos e meses, convenio a convenio, contra unha patronal que ten bloqueadas e secuestradas as negociacións para aumentar os seus beneficios a conta de empeorar as nosas vidas e contra a Xunta de Galiza en sectores como o ensino, a sanidade, as residencias de maiores e dependentes, o SAF, a atención á discapacidade, a protección de menores ou a educación infantil 0-3 anos”.

“A Folga Xeral é a resposta obrigada á carestía da vida, para forzar os gobernos a adoptar medidas e reclamar poder ir á compra e mercar alimentos básicos, ter unha casa onde vivir e poder pagar a luz e os combustíbeis”, así o expresaba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ao remate da manifestación de Vigo. Unha mobilización na que denunciou a pouca disposición dos gobernos do PP na Xunta e do PSOE en Madrid “a rachar co neoliberalismo e tomaren medidas contra o capital e as grandes empresas” que controlan os prezos mediante manobras especulativas.

Ademais, en referencia aos abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta de Galiza e a actuación policial, Carril denunciou que “por moito que pretendan vulnerar o dereito fundamental á folga e por moito que, como sempre, a policía actúe de exército da patronal, reprimíndonos e aplicando a Lei Mordaza, a folga e as mobilizacións están sendo un éxito”.

O secretario xeral da CIG clamou contra o medre imparábel dos prezos, que está levando á ruína a clase traballadora galega. Á suba da electricidade, dos combustíbeis e dos produtos básicos engadiu o deterioro dos servizos públicos (ensino, sanidade, atención a persoas maiores, dependentes e discapacidade, protección de menores, educación infantil 0-3 anos) e o retroceso das políticas sociais. Sobre a vivenda, denunciou que “a especulación converteuna nun luxo inaccesíbel para a maioría social”.

Responsabilizou desta situación as guerras imperialistas e a ofensiva belicista dos Estados Unidos, co “entreguismo da Unión Europea e do Estado español”, e advertiu da deriva militarista e do “criminal papel da OTAN”. Tamén denunciou que a última reforma laboral, que non derrogou a do PP de 2012, mantén os contratos a tempo parcial e fixos descontinuos e fomenta as ETT, facendo case imposíbel ter un salario estábel e un traballo digno.

Nese sentido, salientou que os beneficios empresariais medraron un 61% desde 2017, mentres Galiza rexistra a maior suba da pobreza no Estado español, acadando os 3,3 puntos no último ano.

Un Plan de Choque para garantir unha vida digna

O secretario xeral da CIG reclamou, por iso, aos gobernos galego e español un Plan de Choque que garanta a negociación colectiva, o poder adquisitivo dos salarios, a revisión conforme ao IPC real e a prevalencia dos convenios galegos, ademais de frear a privatización da sanidade, a educación e a atención a persoas. Exixiu tamén que o SMI cumpra a Carta Social Europea, porque, afirmou, “os 1.281 euros propostos para 2027 seguen por baixo do 60% do salario medio, á vez que pediu un incremento dos salarios dos e das empregas públicas.

Xunto a isto, alertou do avance dun capitalismo “cada vez máis reaccionario no social, no económico e no político”, que alenta a ultradereita e o fascismo,” para reforzar a explotación e a represión, negando a realidade plurinacional e agravando as condicións de vida da clase traballadora”. Carril alerta do avance dun capitalismo cada vez máis reaccionario, no que o gran capital alenta a ultradereita e o fascismo para reforzar a explotación e a represión, negando a realidade plurinacional e agravando as condicións de vida da clase traballadora.

Fronte a esta ofensiva, chamou a fortalecer a unidade das forzas sindicais, sociais e políticas soberanistas para frear o PP e Vox, reivindicando a capacidade da loita social e das maiorías electorais para condicionar as decisións políticas e frear as derivas reaccionarias e españolistas.

A participación na folga xeral increméntase a medida que avanza a xornada

Segundo os datos aos que puido acceder a central sindical sobre consumo eléctrico, confírmase unha caída ás 10:00 horas de hoxe dun 6,6% respecto da mesma hora de onte, e dun 11,6% respecto da mesma hora, o mércores pasado.

Aos datos de participación proporcionados nas primeiras horas temos que engadir, en Vigo, que da flota de Vitrasa só saíron os servizos mínimos, 45 autobuses de 119. O porto pesqueiro está parado e nin sequera houbo lonxa. Como tamén está parado o mercado de froitas e todo o sector naval.

No sector industrial de Vigo, como nestas empresas, na quenda da mañá o seguimento en Borgwarner é total. En CTAG apenas entraron a traballar presencialmente 10 persoas. En ANFACO secunda a folga practicamente todo o persoal. En Magna o seguimento é total, tanto na quenda de noite como na de mañá, ao igual que na empresa téxtil Paz Rodríguez. Ademais, o polígono do Porriño está sen apenas actividade.

En Lugo, a Policía impediu acceder a Europastry, sequera para informar. Os servizos de recollida de lixo e de transporte urbano están funcionando cos mínimos. O seguimento no sector de panadarías é alto, ao igual que no do comercio do metal.

Na recollida do lixo de Compostela só entraron as 6 persoas de servizos mínimos, que foron baleirar os camións e pararon ás 00:00. A actividade é mínima nos polígonos do Tambre, do Milladoiro e de Costa Vella e o transporte urbano funciona por debaixo dos mínimos, que denuncian que foron abusivos. Practicamente a totalidade das facultades están pechadas.

No porto da Coruña non houbo nin lonxa, nin actividade no porto pesqueiro e tampouco no porto comercial. Nos autobuses urbanos e interurbanos, a policía impediu aos piquetes informativos que realizaran o seu labor. Catro camiños e o Corte Inglés pecharon pola mañá, ao igual que o comercio da zona e na praza de Lugo hai tendas de grandes cadeas pechadas e outras abertas só con persoal encargado, coa particularidade de que a marca Zara está sendo custodiada pola policia.

O paro ten unha afectación importante nos polígonos da comarca, como por exemplo, cun seguimento maioritario en empresas como Metalúrgica Gallega, Celsa Atlantic ou Herfraga. Nas instalacións de Estrella Galicia da Agrela parou arredor da metade do cadro de persoal e en Betanzos HB ficaron sen actividade. Tamén se deixa sentir no almacén loxístico de Inditex e nas súas auxiliares de comedor e limpeza. No sector servizos pola mañá o seguimento entre o pequeno e mediano comercio foi incluso superior que nas grandes cadeas.

En Pontevedra Safricope, Protea e GPS ETT están pechadas, en Cabomar a metade do persoal secunda a folga. Tampouco entrou a quenda de noite de almacén do Marco Froiz e permanecen pechadas a Cristalería Pontevedresa, COVSA, Gamallo e Ruibal , Aquaterra conservacióm AP 9 e Alvarez Prol. Protea está pechada. Na quenda de noite do almacén do Marco Froiz, Cristalería Pontevedresa e Covsa, Gamalloe Ruibal , Aquaterra conservacióm AP 9 , Alvarez Prol, Aludez alamacén componentes e en Numarsi a maioría do persoal.

En Treves secunda a folga todo o persoal da quenda de mañá, igual que en OYSHO Zara e H&M e en Prezero, a empresa de recollida de lixo, na quenda de noite a folga foi secundada polo todo o persoal e na de mañá tamén.

No Salnés, agás en Valga, a gran industria do metal está pechada.

En Ferrol o paro é total nos estaleiros. Nos servizos de autobuses e de recollida de lixo, só funcionan os servizos mínimos e nos centros loxísticos de Indipunt-Inditex de Narón e de Lidl o seguimento foi case total.

En Ribeira e a Pobra do Caramiñal o seguimento en Congalsa é tan elevado  que non lle dá para manter a actividade. En Ignacio González Montes tiveron que pechar liñas, tamén por mor do seguimento da fplga, pola noite, e agora, co número de liñas que ten pechadas tampouco pode continuar coa actividade. Unha situación que se prevé que se repita pola tarde.

Escurís está funcionando cos mínimos. Pola noite só funcionou unha liña e na quenda da mañá foi mínimo o número de persoas que entraron.

No SERGAS a falta de ampliar os datos, os que se están recibindo confirman suspensións de quirófanos nos hospitais da Coruña, Cee e Monforte, mentres que en Ferrol tiveron que ser todos ser suspendidos. Tamén en Ferrol se confirma unha incidencia da folga en Primaria está sendo alta. No conxunto dos hospitais estanse vendo afectadas tamén, ademais dos quirófanos, as consultas programadas

En Política Social denuncian os servizos mínimos abusivos decretados, malia o que o seguimento foi relevante, ao igual que no resto da administración autonómica.

En Ensino, que só se recolleron datos a primeira hora da mañá cando aínda non accedeu ao seu posto todo o persoal docente, calculan a media de participación en Secundaria nun 60% e en Primaria por enriba do 50%, aínda que matizan que hai centros nos que o paro está sendo secundado por enriba do 75% do profesorado e existen diferenzas entre o ámbito urbano e rural e tipoloxía de centros. O certo é que a tónica xeral é unha alta ausencia de profesorado e alumnado nos centros. Neste último caso parou a práctica totalidade do alumnado universitario, de FP, ensinanzas artísticas e últimos cursos de ensinanzas medias.

No seu conxunto, no Transporte de Viaxeiras só saíron os servizos mínimos e nalgún caso, nin iso.

A CIG denuncia que toda esta resposta e seguimento da folga ten lugar pese aos abusivos servizos mínimos e a desproporcionada actuación policial, sobre todo na Coruña e en Compostela, mais tamén en Lugo, reprimindo os piquetes e impedindo que desenvolveran o seu labor informativo. Unha actuación policial pola que a central sindical reclama a derrogación inmediata da Lei Mordaza, que non se criminalice a protesta e o respecto do dereito á folga.

Volver