Unha sentenza pioneira gañada pola CIG-Ensino recoñece o dereito a indemnización por cese dun docente interino
A sentenza implica un cambio ao respecto de resolucións xudiciais previas e estima totalmente a demanda defendida polos servizos xurídicos do sindicato
Un xulgado do contencioso administrativo de Pontevedra vén de ditar unha sentenza que rompe co proceder previo dos tribunais galegos ao respecto do recoñecemento do dereito a unha indemnización cando un docente interino é cesado e non obtén destino no curso seguinte. A sentenza fundaméntase no articulado da Lei 20/2021 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, que estipula unha indemnización dun máximo de 20 días por ano, cun máximo de 12 mensualidades. A sentenza non é firme e a Consellaría poderá presentar recurso perante o TSXG.
Os elementos fundamentais da sentenza.
Estamos diante dun caso dun docente que traballou ininterrompidamente durante 30 anos como interino para a Consellaría de Educación. Tras non obter praza no concurso de méritos excepcional non acada destino no curso 2023/24, pasando a situación de desemprego. A través da CIG-Ensino promóvese unha demanda xudicial na que se reclama a indemnización que se fixa na Lei 20/2021.
A defensa da Consellaría céntrase no que xa se nos dixo en múltiples ocasións na Mesa Sectorial e que a CIG-Ensino se nega a aceptar: que o sistema de contratación do persoal interino docente é curso a curso polo que non se pode entender que unha posíbel indemnización se calcule pola totalidade dos anos traballados senón, en todo caso, polo último curso (o que limitaría esa indemnización a 20 días de salario).
A argumentación da asesoría xurídica da CIG-Ensino, aceptada integramente polo xulgado, é que non se pode entender que haxa interrupción da relación laboral coa Consellaría e que o docente cumpriu cos requisitos fixados na Lei: presentarse ao proceso de estabilización e participar na petición de destinos provisionais, polo que corresponde a máxima indemnización que permite a Lei: un tope do salario dun ano, que neste caso eleva a contía a 44.713€, e isto con independencia de que a persoa cesada volvese obter destino novamente un ano despois.
Cautela e firmeza, coa idea clara de defender os dereitos do profesorado.
Sobre esta sentenza desde a CIG-Ensino queremos compartir unha serie de aspectos que consideramos absolutamente necesarios:
- A sentenza non é firme e, con seguridade, a Consellaría vai recorrela, polo que haberá que agardar ao final do proceso xudicial para coñecer os seus efectos non só neste caso particular senón nas repercusións que para todo o profesorado interino poida ter.
- Desde o ano 2016 asistimos a moitos cambios nas decisións dos tribunais e, desde aquel momento, criticamos a quen se dedicaba a vender fume e a enganar ou confundir interesadamente o persoal temporal, sexa a nivel sindical ou desde despachos profesionais. As primeiras sentenzas que denegaron o dereito á indemnización a profesorado interino en Galiza naquel ano 2016 (cando se produciron as primeiras novas sobre os ditames do Tribunal de Xustiza da Unión Europea) foron tamén en resposta a demandas promovidas pola CIG-Ensino e daquela perdemos. Oito anos despois, e coa Lei 20/21 de por medio, que muda en parte as regras de xogo, obtemos esta sentenza, pioneira no ámbito docente, que aínda non podemos considerar como definitiva mais que implica un cambio radical e que apunta na dirección correcta desde a perspectiva da defensa dos dereitos do profesorado interino.
- A sentenza ten un valor fundamental que, de se confirmar no TSXG, suporía algo transcendental, na liña do que a CIG-Ensino defende desde sempre: dá igual que os contratos docentes sexan anuais; se existe continuidade temporal entre un contrato e os seguintes hai que concluír que o tempo traballado a efectos de indemnización é o total dos anos traballados e non só o último curso, como pretende a Xunta para aforrarse cartos en posíbeis indemnizacións.
- A sentenza garda relación directa co resultado do proceso de estabilización do concurso de méritos mais, desde o noso punto de vista, fixa un criterio (que novamente recalcamos que debe tomarse con cautela mentres non se confirme no TSXG) moi relevante de cada a futuros ceses de persoal interino que dun curso para outro non obteña destino: cumprindo coa obriga de participar na petición de destinos e existindo unha continuidade no tempo como profesorado interino superior aos 3 anos que fixa a Lei 20/2021, debería recoñecerse o dereito a indemnización que contempla esta norma.
- O principal atranco de cara ao futuro recoñecemento de indemnizacións como a que se aplica nesta sentenza estará, aínda que pareza incríbel, nun pacto sindical. Na última modificación do acordo de persoal interino, coa posición contraria do sindicato maioritario (CIG-Ensino) e coa complicidade habitual do resto dos sindicatos da Mesa Sectorial (a minoría sindical conformada por CCOO, ANPE e UGT), a Consellaría incorpora unha cláusula que consideramos ilegal. Literalmente dise que “a indemnización prevista no artigo 24.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, non será de aplicación aos nomeamentos ou cesamentos na cobertura de prazas non estruturais”. Isto quere dicir que a Consellaría buscará evitar o pago de indemnizacións en función dunha premisa que non é de libre decisión para o persoal interino: saber se a praza que ocupa cada ano é unha praza estrutural ou non. Como xa advertimos na negociación non só consideramos esa cláusula abertamente ilegal senón tamén unha vergoña que contara co respaldo sindical que obtivo.
- Tanto desde a perspectiva dos dereitos individuais do profesorado interino, como desde unha correcta xestión das contas públicas, a alternativa pasa por asumir un compromiso de estabilidade para o profesorado interino de longa duración. Esa proposta foi, por enésima vez, posta enriba da mesa pola CIG-Ensino na última modificación do acordo de persoal interino, contando novamente co rexeitamento da Consellaría e dos sindicatos que manteñen o seu apoio a ese acordo nos termos actuais.