Unha sentenza gañada pola CIG-Ensino obriga á Consellaría de Educación a devolver arredor de 500.000 euros que lle retivera ilegalmente ao profesorado que se xubila anticipadamente

O Xulgado Contencioso-Administrativo nº 2 de Vigo dálle a razón á CIG-Ensino

A Consellaría retivo indebidamente o 5% da gratificación da xubilación anticipada do ano 2010 ao profesorado, estendendo o recorte salarial do profesorado en activo ao persoal que se acolleu á xubilación incentivada, o que suporá que terá que devolver aproximadamente uns 500.000 euros.

O Xulgado Contencioso-Administrativo nº 2 de Vigo dálle a razón á CIG-Ensino nunha demanda interposta polos servizos xurídicos do noso sindicato contra a decisión da Consellaría de Educación de reducir nun 5% a gratificación que se lle aboou a un docente que se acolleu no ano 2010 á xubilación anticipada.

A Consellaría de Educación, usando como escusa os recortes salariais impostos polo goberno central, que foron posteriormente asumidos e aplicados pola Xunta, decidiu ir máis alá e impoñer ese recorte tamén á gratificación que se lle aboou ao profesorado por retirarse anticipadamente.

A sentenza, que é firme, confirma que a gratificación que reciben os funcionarios e funcionarias docentes por se acolleren anticipadamente á xubilación ten unha finalidade indemnizadora e non retributiva, razón pola cal non lle poden resultar aplicábeis as disposicións que determinan a redución das retribucións do persoal funcionario, como foi o caso do recorte salarial dos gobernos español e galego.

Ademais, no ano 2010, a Consellaría xa recoñecera antes da aprobación do recorte salarial as cantidades a pagar ao profesorado que optase pola xubilación anticipada, polo que ese desconto tería carácter retroactivo, eliminado un dereito previamente recoñecido e indo máis alá do previsto na norma que aprobaba os recortes.

A CIG-ENSINO demándalle á Consellaría de Educación que dea instrucións para estender esta sentenza a todo o profesorado que se lle retivo indebidamente ese 5% na súa gratificación. De non ser así, instamos a todos os xubilados e xubiladas afectados/as a que presenten os recursos oportunos para ver recoñecido o seu dereito a unha gratificación completa.

Por outro lado, desde a CIG-ENSINO, dirixímonos á Consellaría de Educación para que modifique a orde que regula as xubilacións anticipadas no presente ano 2011, ao abeiro da cal se veñen de acoller máis dun milleiro de docentes galegos, aumentando o 5% correspondente retido ilegalmente no ano 2010, xa que esa redución foi consolidada no presente exercicio.

Volver