Unha sentenza do TSXG gañada pola CIG obriga á UDC a devolver o desconto da cota patronal ao persoal investigador Margarita Salas e María Zambrano

Unha sentenza do TSXG gañada pola CIG obriga á UDC a devolver o desconto da cota patronal ao persoal investigador Margarita Salas e María Zambrano

A sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de estimar o conflito colectivo presentado pola CIG-Ensino contra a UDC pola práctica desta universidade de descontar a cota patronal do total das axudas que debía percibir o persoal investigador seleccionado ao abeiro de dúas axudas específicas promovidas polo Ministerio de Universidades e desenvolvidas, no caso de Galiza, polas tres universidades públicas: a contratación de novas doutoras e doutores (coa modalidade denominada Margarita Salas) e a atracción de talento internacional (coa modalidade María Zambrano).

O sindicato, maioritario non só a nivel xeral de Galiza senón tamén no conxunto das tres universidades públicas do país, procurou desde hai meses que se chegase a un acordo entre a representación sindical e as tres universidades. Así, o 21 de marzo de 2023 o seu secretario nacional, Suso Bermello, enviou un escrito dirixido á Comisión Paritaria do Convenio Colectivo do persoal docente e investigador laboral solicitando a convocatoria dunha reunión extraordinaria na que se tratase a demanda da CIG-Ensino de que as tres universidades asumisen a cota patronal e, por tanto, devolvesen as contías inxustamente detraidas. Ante a negativa das universidades, a CIG-Ensino promoveu a mediación do AGA para evitar a vía xudicial. Novamente o único que se obtivo foi a negativa das tres universidades por resposta.

Coas portas da negociación pechadas, a CIG-Ensino presentou tres conflitos colectivos, un contra cada universidade. O primeiro xuízo correspondeu ao da UDC, estando previstos os da USC e UVigo para o mes de setembro.

A sentenza é clara: vulnerouse a legalidade, como denunciou a CIG

As conclusións do TSXG son contundentes e están na liña da demanda da CIG-Ensino:

  • Declara nula la práctica da UDC de detraer do importe das axudas Margarita Salas e María Zambrano la cota empresarial á Seguridade Social, para determinar dese xeito o salario a aboar ao persoal contratado.
  • Declara que as traballadoras e traballadores, con contratos laborais afectados polo conflito colectivo, teñen dereito a percibir cando menos como salario as contías que figuran no RD 289/2021 tanto nas axudas Margaritas Salas (3.500€ brutos mensuais para quen realicen estancia no estranxeiro e de 2.800€ brutos mensuais para quen o faga dentro do estado)como nas axudas María Zambrano (4.000€ brutos mensuais).

Persoal afectado

O persoal investigador da UDC afectado pola sentenza gañada pola CIG-Ensino ascende a 33 persoas. Coas sentenzas que se coñecerán en setembro da USC e a UVigo e que, é de supoñer,  seguirán o mesmo camiño, a cifra subirá a 136 persoas. A CIG-Ensino lamenta que no ámbito universitario se pechen as vías ás negociacións e acordos, provocando a xudicialización das relacións laborais.

 

UDC

USC

UVigo

Margarita Salas

26

50

30

María Zambrano

7

15

8

Subtotal

33

65

38

Total

136

Neste sentido, a CIG-Ensino lembra que tamén están pendentes de sentenza tres conflitos colectivos promovidos polo sindicato contra a inaplicación das subas salariais de 2022 e 2023 a un millar de persoal investigador con contratos pre e posdoutorais, un tema no que igualmente as tres institucións universitarias galegas preferiron pechar toda vía de entendemento extraxudicial, obrigando a que como sindicato maioritario se asumise a defensa de todo o persoal docente e investigador ao que, no comezo da súa carreira profesional e investigadora, se lle nega uns dereitos retributivos básicos: cobrar como o resto do PDI as subas salariais e non facerse cargo da cotización que lle corresponde á entidade que contrata.

A CIG-Ensino demanda da UDC que se aveña a confirmar a firmeza e a pagar os atrasos de todo o persoal afectado pola sentenza.

 A sentenza do TSXG só pode ser recorrida en casación perante o Tribunal Supremo e a CIG-Ensino agarda que a UDC non só a acate sen ir en casación ao Supremos senón que tamén evite que as persoas afectadas teñan que presentar solicitudes individuais, estendendo de oficio a todas elas os efectos desta contundente sentenza.

Se a UDC atende a solicitude da CIG-Ensino e non presenta recurso de casación a sentenza sería firme. A universidade, neste caso, podería optar por executar de oficio os efectos desta sentenza a todo persoal (como lle solicita o sindicato) ou non facer nada, obrigando a todas elas a que presentasen un escrito individual no que demandasen que se lle aplicase a sentenza e se lle devolvesen os cartos indebidamente descontados. En todo caso, os prazos e efectos económicos das contías a devolver están garantidas pola acción prexudicial e xudicial da CIG-Ensino.

Consulta a sentenza. Ligazón

Volver