Unha sentenza do TSXG gañada pola CIG-Ensino pon fin á discriminación económica e administrativa na substitución das xefaturas de departamento
A sentenza implica un cambio radical ao respecto de resolucións xudiciais anteriores e supón un novo pau contra as políticas en materia de persoal da Consellaría de Educación.
É contrario a dereito e vulnera o principio de igualdade o feito de que un docente cubra unha ausencia de longa duración da persoa que exerce a xefatura de departamento dun centro educativo sen cobrar polo exercicio dese cometido nin obter o recoñecemento administrativo correspondente.
En síntese isto é o que afirma unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que confirma unha sentenza previa do xulgado contencioso administrativo nº 2 de Lugo na que a asesoría xurídica da CIG reclamaba os dereitos retributivos e administrativos dun docente por realizar as funcións dunha xefatura de departamento da EOI de Lugo. O docente exerceu eses cometidos por unha ausencia prolongada da persoa titular e ao amparo da normativa que indica que, neses casos, será a dirección quen designe unha persoa integrante do departamento para desenvolver as súas funcións.
A sentenza é firme e contundente. Nela indícase que sempre se debe respectar “o principio de igualdade retributiva” polo que “ao persoal funcionario que acredita a realización de funcións dun posto de traballo distinto do seu e con retribucións complementarias superiores, débenselle satisfacer os complementos de destino e específico do que efectivamente desempeñase”.
Na sentenza afírmase que, de acordo con eses principio de igualdade retributiva, deben ser retribuídas as funcións que se realizan para alén das que lle son propias como docente, e en concreto as de xefatura de departamento, sen que o feito de que a persoa titular siga cobrando esas retribucións poida servir como obstáculo; como tampouco pode ser escusa que estea recollido no ROC das EOIs a previsión de designación dun profesor ou profesora en substitución do titular; nin que non haxa formalmente un nomeamento senón unha “designación” para o exercicio das funcións da xefatura de departamento, pois “o relevante é o exercicio efectivo das funcións”.
Até esta sentenza do TSXG foron varias as demandas xudiciais promovidas pola CIG-Ensino en defensa de profesorado que se atopaba nunha idéntica situación, todas elas desestimadas. Desde o sindicato amosamos a nosa satisfacción por este cambio de criterio da administración de Xustiza e consideramos que coa sentenza remata unha práctica abusiva habitual da administración pública galega: estender, ás veces durante meses e mesmo anos, unha suplencia nun cargo sen que a persoa que se ve obrigada a exercer as funcións vexa recoñecido ese traballo.
Que leva facendo a Consellaría desde sempre para aforrar cartos a conta do profesorado?
Nos casos nos que unha persoa ocupa un cargo unipersoal cunha retribución específica (xefaturas de departamento, cargos directivos, etc ) e se ausenta prolongadamente do seu posto por unha baixa médica ou calquera outro motivo que non implique o seu cese, a dirección dun centro debe designar a unha persoa que realice esas funcións. Nalgúns caso, o procedemento para designar á persoa xa figura na propia normativa como é o caso da substitución da dirección ou da fixación de preferencias para designar a quen exercerá as funcións (profesorado definitivo, provisional ou interino).
A Consellaría nunca paga por facer ese traballo de nivel superior aínda que este se estenda durante meses. Todo por aforrar en gastos de persoal, importándolle ben pouco o traballo que debe facer o profesorado. Unha vergoña e unha discriminación histórica.
Que implica a sentenza para o conxunto do profesorado?
A sentenza do TSXG deixa claro que exercer un cargo ou función, aínda que sexa sen nomeamento e mediante a designación da dirección do centro, é proba suficiente do exercicio efectivo das funcións de tipo superior ás que se ten asignado no posto de traballo.
Polo tanto, con independencia de que os diferentes Regulamentos Orgánicos de Centros recollan ou non un procedemento para substituír nas súas funcións a unha persoa que ocupa un cargo, e dado que en ningún caso se procede a un nomeamento (que segue sendo, como é lóxico, da persoa titular de baixa), a mera designación demostra que se realiza unha función e que esta debe ser recoñecida a todos os efectos: cobrando o complemento ou puntuando nun concurso polo tempo de substitución da persoa titular.
Quen ten dereito a cobrar e a que se lle puntúe polo exercicio dunha función ou cargo superior?
Todas aquelas persoas a quen a dirección do centro ou, cando así procede, a Dirección Territorial, lle asigna as función dun posto ou cargo que implica unha retribución superior e durante todo o tempo que dure a substitución. Esta situación pode afectar a profesorado definitivo no centro, provisional ou profesorado interino.
Esta situación afecta, como no caso da sentenza, ás funcións de xefatura de departamento mais tamén afecta ás substitucións temporais de cargos directivos.
A CIG-Ensino exixe que a Consellaría dea instrucións ás diferentes Direccións Territoriais e anima o profesorado a reclamar se non hai resposta inmediata.
A CIG-Ensino demanda da Consellaría de Educación que dite con carácter inmediato as instrucións internas correspondentes para estabelecer un procedemento que garanta os dereitos retributivos e administrativos de todo o profesorado que exerza funcións de carácter superior e que dea cumprida información a todo o profesorado. Todo isto con independencia de que no futuro se poida recoller o procedemento nunha nova norma ou na modificación dos actuais ROC.
Así, o sindicato demanda que a Consellaría concrete nesas instrucións o seguinte:
En todos os casos de exercicio temporal dunha xefatura de departamento, cargo directivo ou calquera outro cargo cunha retribución superior, o profesor ou profesora que sexa designada pola dirección do centro ou por quen corresponda, verá recoñecidos todos os dereitos inherentes a función que realiza.
- A tal fin, as Direccións Territoriais procederán en todos os casos a expedir un nomeamento temporal, previa designación pola dirección do centro cando corresponder, que rematará coa incorporación da persoa titular.
- Este nomeamento ou designación terá efectos tanto retributivos como administrativos (puntuación nos diferentes concursos), e durante o tempo que exerza esas funcións.

