
Unha sentenza do TSXG confirma a devolución parcial da paga extra do 2013
Nova labazada xudicial á Xunta de Galiza polo recurso de casación en interese de lei que interpuxo contra unha sentenza gañada polos servizos xurídicos da CIG
Esa sentenza inicial do xulgado vigués, coincidente co criterio de todos os xulgados que até este momento teñen ditado sentenzas en recursos promovidos pola CIG por este motivo, indicaba que era ilegal descontar con carácter retroactivo a parte proporcional dos meses de xaneiro e febreiro de 2013, toda vez que a Lei de orzamentos para ese exercicio orzamentario non se publicou no DOG até o 1 de marzo, obrigando a Consellaría de Educación a devolver o correspondente a eses dous meses.
Chama poderosamente a atención a baixa catadura moral da administración dirixida polo Partido Popular cando fundamenta dun xeito catastrofista, en palabras do propio TSXG, o seu recurso contra a sentenza gañada pola CIG, entre outros aspectos, na situación “gravemente danosa para o interese xeral polo quebranto que supón para os intereses públicos de natureza económica ao supor o aboamento dos funcionarios públicos autonómicos de parte da paga extra, cuxo impacto valora en 23 millóns de Euros, unido ao caos organizativo e a insuficiencia de créditos orzamentarios para atendelos”. O mesmo Núñez Feijoo a quen non lle tremeu a man para roubarlle ao seu persoal 23 millóns de euros no ano 2013 parece que lle doe agora ter que devolver ese diñeiro.
A sentenza implica a obriga de publicación no DOG pecha definitivamente a cuestión da paga extra do 2013 ao definir que a Xunta recortou ilegalmente unha terceira parte do complemento específico entendido globalmente (específico, titoría, sexenios, cargos, etc…).
A CIG esixe unha vez máis da Administración Autonómica o compromiso de pagamento a todo o seu persoal desa parte proporcional da paga extra do 2013, unha vez que o Tribunal Superior confirma un dereito que xa viña sendo recoñecido polos diferentes tribunais do contencioso.
No caso de que a Xunta siga a facer ouvidos xordos ás resolucións xudiciais poderemos confirmar que a Xunta despreza absolutamente o seu persoal e o obriga a ir persoalmente aos tribunais de xustiza para gañar individualmente, aínda que teña custas para a Xunta, agardando a que a maioría do persoal non o faga e así ver reducido o que definiu como “un quebranto” para as arcas públicas. Nese caso, o compromiso da CIG manterase en estender todo o posíbel os xa máis de 1.000 recursos presentados tanto en vía administrativa como xudicial contra o recorte da paga extra.