
Unha nova sentenza a un recurso presentado pola CIG recoñece o dereito do persoal docente substituto a que computen as vacacións cotizadas para os efectos de trienios e sexenios
Malia as declaracións recentes dos responsábeis da Consellaría na Mesa Sectorial, a Xunta non só non estende de oficio este dereito a todo o profesorado interino, senón que desestima as reclamacións en vía administrativa e presenta recursos de apelación c
Cabe lembrar que o longo percorrido destas reclamacións tivo o seu inicio hai xa nada máis e nada menos que 16 anos, cando en 2001 a CIG-Ensino gañou no TSXG, con multitude de sentenzas posteriores nos xulgados de primeira instancia do Contencioso, o dereito de que o persoal docente substituto cobrase as vacacións non gozadas. Até ese ano, a Consellaría non aboaba nin cotizaba absolutamente nada polo tempo proporcional de vacacións correspondentes ao contratos temporais. Como podemos observar, o comportamento da Consellaría non mudou en todos estes anos.
Na Mesa Sectorial celebrada o pasado 2 de marzo, a CIG-Ensino demandoulle á Consellaría que estendese de oficio a todo o persoal docente os efectos desta sentenza, como doutras anteriores, incluído o TSXG, evitando ter que afrontar xudicialmente un tema suficientemente claro: os períodos cotizados, sexan de actividade docente ou de vacacións, teñen que ser computados para os efectos retributivos. Na Mesa, a Dirección Xeral afirmou que xa fixeran xestións ante Función Pública porque entenden que non só afecta ao profesorado, senón que debería haber unha decisión que afectase a todo o persoal da Xunta e que o posicionamento da Consellaría é que son partidarios de resolvelo sen ter que responder a miles de demandas.
Porén, en contra desas declaracións, a Consellaría segue a denegar en vía administrativa as reclamacións que numeroso persoal docente, en resposta a unha campaña iniciada pola CIG-Ensino, está a presentar, dada a inmobilidade da Consellaría a aplicarlle este dereito a todo o profesorado. A desconsideración e desprezo da Xunta co persoal interino e coa propia doutrina xurisprudencial chega ao extremo de recorrer as sentenzas que, como esta de Ourense, deixan ben clara a ilegalidade que está a practicar a Consellaría. Baixo ningún concepto pode esconderse a administración educativa galega nas decisións que deba adoptar outro órgano da Xunta.
A aplicación deste dereito a todo o persoal afectado tería un efecto positivo, tanto no persoal que segue a ser substituto como naquel que é interino ou mesmo funcionario de carreira, xa que o recoñecemento deses períodos supón adiantar o pagamento dos complementos vinculados á antigüidade. Nalgúns casos, mesmo en varios meses a cada docente. Por iso, a CIG-Ensino esixe que de vez se poña fin a esta polémica, se recoñeza este dereito e se lle aplique a todo o profesorado que tivo contratos temporais, sexa cal sexa a súa actual situación administrativa. Ademais, demandamos que a Xunta retire calquera recurso que teña presentado contra as resolucións xudiciais ou que anule as desestimacións en vía administrativa xa comunicadas para evitar a vía xudicial. En calquera caso, a Consellaría sabe que a CIG-Ensino, no caso de que non se actúe neste sentido, seguirá adiante coa campaña iniciada e forzará na vía xudicial a consolidación dun dereito que a administración dirixida polo Partido Popular se nega a recoñecer.