Unha nova mobilización esixiu na Guarda a readmisión das catro persoas despedidas do centro San Xerome Emiliani
Foi este xoves 27 de xuño despois de 50 días de concentracións diarias
Este conflito iniciouse o pasado 5 de abril. Desde a CIG-Ensino denunciamos que estamos ante un caso de represión sindical e que este despedimento persegue enviar unha mensaxe exemplarizante a todas as traballadoras e traballadores do sector para que se preguen aos ditados das empresas e non esixan os seus lexítimos dereitos como fixeron estes compañeiros no seu día.
Para reclamar a readmisión das traballadoras e o traballador despedidos (con antigüidades que van dos 8 aos 31 anos) desde a CIG-Ensino e a Unión Local iniciamos un calendario de mobilizacións que vai chegar practicamente aos tres meses. Repartimos panfletos, recollimos sinaturas, fixemos concentracións os sábados na Alameda coincidindo co mercado, entrevistámonos cos alcaldes do Baixo Miño, agás co de Tui que non respondeu á nosa solicitude, realizamos asembleas abertas para a cidadanía e moi especialmente unha numerosa manifestación o 24 de abril. Este 27 de xuño cúmprense 50 días de concentracións diarias ante o centro, cincuenta días en que un grupo de máis de trinta persoas fixo e fai escoitar as súas demandas e reclama a readmisión das persoas despedidas.
Cómpre sinalar que coincidindo co inicio das concentracións presentouse ante a empresa un escrito solicitando unha entrevista para tratar a situación creada cos despedimentos mais a Xunta Directiva non respondeu a este escrito en ningún momento.