Unha loita sindical nos xulgados iniciada pola CIG no ano 2022 remata co dereito adquirido ás subas salariais do persoal investigador

Logo dun ano agardando pola execución dunha sentenza gañada á Universidade de Vigo, arredor de 900 persoas verán incrementados os seus salarios coas actualizacións dos últimos cinco anos

A Universidade de Vigo fixo pública fai uns días a instrución que explica como vai ser a execución da sentenza que perdeu, logo dun recurso de casación, en novembro de 2025. A través de pagamentos que xa se están facendo efectivos estamos, non sen tempo, no final dun conflito colectivo que afecta a tres colectivos vinculados á investigación.

O conflito colectivo gañado pola CIG

O Tribunal Supremo recoñeceu o dereito á suba salarial anual, recollida nos Orzamentos Xerais do Estado, para o PDI en formación predoutoral, postdoutoral e o persoal contratado en proxectos de investigación. A sentenza recoñecía que a decisión da Universidade de Vigo de non aboar os incrementos retributivos, dispostos na normativa estatal dos anos 2022 e 2023 a estes tres colectivos é contraria a dereito, discriminatoria e, por tanto, nula.

Por fin unha instrución

A CIG Ensino leva un ano en contacto coa reitoría da UVigo intentando dar unha saída negociada a este conflito colectivo. As distintas circunstancias acontecidas neste últimos meses dentro da propia universidade fixeron que se prolongase no tempo, moito máis do desexado, o cumprimento da sentenza.

O pasado 20 de outubro, a Xerencia fai pública a Instrución 7/2026 relativa á execución da sentenza. En resumo vén a dicir que os colectivos afectados pola sentenza (arredor de 900 persoas) recibirán, se non o fixeron xa, as subas salariais correspondentes aos anos 2022, 2023, 2024, 2025 e 2026. Isto tradúcese no pagamento conxunto de todos os atrasos correspondentes que, nalgúns casos, xa se viron reflectidos na nómina de outubro e que se irán completando no novembro ou, como moi tarde, na de decembro do persoal que ten actualmente vinculación contractual coa Universidade de Vigo.

Por outro lado, ponse a disposición das persoas afectadas sen vinculación laboral actualmente coa universidade, un modelo de solicitude que terán que rexistrar coa petición correspondente.

Incertezas pendentes de aclarar

Desde a CIG Ensino vimos de rexistrar un escrito na Xerencia para que nos confirmen algúns aspectos que nos xeran dúbidas en canto á redacción da instrución. Á espera da resposta nos vindeiros días agardamos poder dicir que non hai que impugnar a instrución e polo tanto estamos ante o final do proceso xudicial.

Temos constancia das actuacións levadas a cabo pola Inspección de traballo, logo das denuncias presentadas pola CIG, e pedimos por escrito a UVigo a confirmación dos pagamentos que xa efectuara para poder contrastalo. Lembremos que os colectivos afectados son o persoal predoutoral en formación, o persoal postdoutoral e o persoal contratado con cargo a proxectos de investigación. Todos eles terán no futuro incrementada a súa nómina ao igual que o resto do persoal que xa recibiu esa suba salarial.

Gañado este dereito dos anos 2022 e 2023, que se fará extensivo xa todos os anos para todo este persoal, a CIG Ensino congratúlase de ter obtido nas tres universidades galegas unha mellora tan significativa para o persoal vinculado á investigación.

Volver