Unha orde xudicial obriga á Consellaría de Educación a restablecer os dereitos de apoio de alumando con necesidades

A CIG-Ensino denuncia a vulneración de dereitos do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo así como a nefasta xestión da Consellería de Educación.

En varios centros de Cee, e debido á falta de planificación e de recursos por parte da Consellería de Educación, estase a producir unha clara vulneración dos dereitos do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Desde o inicio do curso escolar, o IES Agra de Raíces leva reclamando sen éxito a dotación de profesorado especialista en Audición e Linguaxe (AL), imprescindible para garantir unha atención digna e adecuada do alumnado con necesidades educativas especiais escolarizado no seu centro. A inacción da administración foi tal que algunhas familias víronse obrigadas a acudir aos tribunais para facer valer uns dereitos que deberían estar garantidos de oficio.

Unha orde xudicial deu a razón ás familias e obrigou á Consellería a restituír o mesmo nivel de apoio existente no curso pasado. Porén, lonxe de asumir a súa responsabilidade e dotar de recursos adicionais ao sistema educativo, a resposta da administración foi, unha vez máis, un parche improvisado e inaceptable. O que fixo foi nomear en marzo unha docente de AL a media xornada no CEIP Virxe da Barca de Muxía que debía ir tamén, pero só dúas horas ao IES Agra de Raíces. Ou sexa, que para cumprir integramente o auto, decide desvestir uns centros para vestir outros: modifica o horario doutra especialista de AL itinerante do CEIP Vila de Cee, deixando sen este servizo á EEI de Pereiriña, e altera tamén o horario doutra docente do CEIP de Brens, especialista de primaria para que imparta apoio de AL . Como resultado, estase a xerar un efecto dominó que prexudica a máis alumnado e profesorado, evidenciando unha xestión absolutamente irresponsable.

Ademais, a atención ao alumnado afectado pasa a ser realizada por dúas especialistas distintas, fragmentando a intervención e deteriorando a calidade do apoio educativo, nunha decisión que responde unicamente á falta de persoal e non a criterios pedagóxicos.

A CIG-Ensino considera intolerable que a Consellería continúe aplicando políticas de recortes encubertos, obrigando a enfrontar centros e comunidades educativas entre si e trasladando os problemas dun lugar a outro en vez de resolvelos de raíz. Esta forma de actuar non só incumpre o espírito da resolución xudicial, senón que perpetúa un modelo educativo inxusto e insuficiente.

Non se pode falar de inclusión mentres se nega o profesorado necesario. Non se pode garantir a equidade mentres se retiran recursos dun centro para tapar as carencias doutro.

Por todo isto, a CIG-Ensino esixe á Consellería de Educación a dotación inmediata de persoal especialista suficiente, o respecto real aos dereitos do alumnado con necesidades específicas e o fin dunha política de improvisación permanente que está a deteriorar gravemente o ensino público galego.

A educación pública non pode seguir sosténdose a base de parches.

Volver