Un xulgado galego nega os dereitos retroactivos do PTFP en prácticas no momento da integración en PES

A sentenza responde a unha demanda da CIG-Ensino que non comparte en absoluto o razoamento do xulgado ao non entrar a valorar a discriminación producida

O auto ditamina que o profesorado que aprobou as oposicións en 2021 non ten dereito a cobrar a diferenza salarial co corpo de PES desde antes de ser nomeado funcionariado de carreira en setembro de 2022. Deste xeito tamén queda anulada a pretensión da CIG-Ensino de que se lle recoñecese a integración ao persoal interino que cumpría os requisitos de titulación e xa traballaba para a Consellaría en xaneiro de 2021 cando entrou en vigor a LOMLOE

O proceso de integración do profesorado técnico de Formación Profesional (PTFP) foi desde o comezo un exemplo de como non se deben facer as cousas. Para corrixir unha discriminación histórica (o diferente trato administrativo e retributivo do persoal docente que imparte en FP) que tanto o propio colectivo docente como sindicatos como a CIG-Ensino sempre defendeu eliminar, creouse unha nova situación discriminatoria, desta vez en varios episodios.

O profesorado con dereito a se integrar no corpo de PES foi finalmente aquel que contaba cunha titulación universitaria no momento da integración ou ben que a acade até xaneiro de 2026. Quedaban fóra da integración quen non a tivese. Esta discriminación, regulada e permitida polo Goberno español, corrixiuse só parcialmente en Galiza tras dúas campañas promovidas tanto pola CIG-Ensino como por profesorado afectado. Así, profesorado funcionario de carreira do corpo de PTFP con titulación de FP que pasou a formar parte deste corpo a extinguir pasou a cobrar un complemento compensador que os equipara con quen se integrou oficialmente.

A Consellaría desatendeu o resto de demandas da CIG-Ensino deixando sen equiparación retributiva o persoal do novo corpo de Profesorado Especialista de Sectores Singulares de FP (PESSFP), tanto se é funcionariado de carreira como se é persoal interino. Tampouco aceptou a demanda do sindicato de pagar con carácter retroactivo desde o momento da integración (xaneiro de 2021) ao profesorado en prácticas e que si contaba con titulación universitaria, recoñecendo só os dereitos deste persoal desde o momento no que foi nomeado funcionariado de carreira.

Unha vez que se pechou a porta da negociación coa Consellaría, pola súa negativa a dar o mesmo trato a todo o profesorado de FP, a CIG-Ensino iniciou unha serie de actuacións xudiciais que, pola demora dos diferentes xulgados, aínda é agora que coñecemos a primeira sentenza. Polo camiño, unha sentenza do Tribunal Supremo (a 958/2024) en resposta a un recurso de CCOO, errado no seu enfoque xurídico desde o noso punto de vista, veu condicionar todo o relacionado coa situación de quen se integra con posterioridade a xaneiro de 2021. A sentenza do xulgado de Santiago de Compostela que rexeita o recurso da CIG-Ensino fundaméntase precisamente nese auto do Supremo.

O que pretendía o sindicato coa súa demanda era o recoñecemento retributivo como profesorado de PES ás 114 persoas que aprobaron as oposicións de 2021 e que non pasaron á condición de funcionariado de carreira até setembro de 2022. A fundamentación, por tanto, centrábase na discriminación por realizar o mesmo traballo, coas mesmas condicións de titulación e só coa diferenza de non ser funcionariado de carreira. Como é obvio, ter gañado esta demanda abriría directamente as portas a que todo o persoal interino nesas mesmas condicións gozase dese dereito.

Debe rematar a discriminación: mesmo traballo, mesmo salario

A CIG-Ensino promoveu, en paralelo, outra liña de actuación xudicial, tamén pola rotunda negativa da Consellaría a negociar. Neste caso, afecta ao profesorado do novo corpo de PESSFP, que quedou relegado pola Xunta á hora de facerlle extensíbel o dereito a cobrar o complemento compensador que si perciben os seus compañeiros e compañeiras do corpo de PTFP, declarado a extinguir. Estamos aínda á espera dunha primeira resolución xudicial neste sentido e amosamos, unha vez máis, o noso compromiso con este colectivo, fixo ou interino, na liña defendida pola CIG-Ensino en todo este tortuoso proceso: todo o profesorado que imparte FP debe cobrar o mesmo porque realiza as mesmas funcións. Nese camiño seguiremos, apoiando as xustas demandas do colectivo.

Volver