Un día antes de que comece o curso a Consellaría ten arredor de 1.150 vacantes de profesorado sen cubrir

Este dato corresponde á unha da mediodía de hoxe, martes, concentrándose a maior parte das prazas pendentes no corpos de secundaria e das ensinanzas non obrigatorias (FP, escolas de idiomas, ensinanzas musicais e artísticas...)

Mentres o conselleiro e o resto de membros da Xunta se afanan por dar sensación de normalidade no inicio de curso con vídeos e propaganda, a realidade nos centros é ben distinta. Este mediodía quedaban aínda 388 vacantes do corpo de mestras sen adxudicar e 649 só do corpo de Secundaria, polo que os centros terán que abrirlle as portas mañá ao alumnado e comezar a actividade lectiva en horario habitual sen contar co persoal necesario. Ademais, volve haber un número moi elevado de vacantes a media xornada, un fenómeno que cada ano vai en aumento e que precariza moito as condicións laborais docentes dada a carestía da vivenda e do combustíbel.

Desde finais do mes de agosto os centros foron subindo as vacantes que precisan para poder arrancar o curso con normalidade, moitas delas derivadas de situacións de incapacidades temporais ou de permisos, fundamentalmente de maternidade e paternidade, da persoa titular da praza pero outras de necesidades que non foron atendidas durante o verán por parte da administración. Na aplicación que xestiona as substitucións da Consellaría de Educación ás 13 horas de hoxe había un total de 1.148 vacantes sen cubrir, a maioría dos corpos de secundaria e do resto de ensinanzas postobrigatorias, e foran cubertas outras 817, neste caso maioritariamente de infantil e primaria.

Estes días moito persoal substituto dirixiuse á CIG-Ensino para amosar o seu malestar con que se atrasaran tanto os chamamentos para cubrir estas situacións pois levan pendentes do teléfono desde o día 1 de setembro. “Hai que ter en conta que desde o momento en que se lles adxudica unha vacante dispoñen de 24 horas para tomar posesión no centro”, explica Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino que engade “moitas veces reciben a chamada ás 3 da tarde e ao día seguinte empezan a traballar sen tempo para organizar sequera como chegar a ese destino, xa non falamos de onde van pernoctar ou como van organizar a súa vida familiar. O persoal substituto é o gran esquecido pola administración. Estas condicións de dispoñibilidade total e de incerteza non se dan en practicamente ningún sector e non por habituais hai que normalizalas”.

A CIG-Ensino vén reclamando que a Consellaría axilice o máximo posíbel os chamamentos para garantir que desde o primeiro día de curso o alumnado estea atendido e os equipos directivos poidan planificar con antelación o envío de información e as reunións coas familias, así como realizar todas as tarefas burocráticas destes días. Porén, este curso os chamamentos atrasáronse especialmente e entre as vacantes pendentes poden verse aínda titorías de infantil e primaria ou de especialistas para a atención á diversidade e varias interinidades que deberan ser adxudicadas xa en agosto cando se publicou o Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais. Ademais, o sindicato insistiu moito na negociación do calendario escolar que o curso cada vez comeza antes e que non todas as etapas están preparadas para este adianto. De feito, a propia Consellaría a día de hoxe non adxudicou ningunha vacante no corpo de Profesorado Especialista de Sectores Singulares da FP, unhas ensinanzas nas que o prazo de matrícula segue aberto até o próximo 25 de setembro, ou practicamente ningunha para conservatorios, Escolas Oficiais de Idiomas e escolas de artes. Mentres se nega a aceptar un inicio escalonado no tempo, na súa propia xestión de recursos humanos prioriza unhas etapas sobre outras e, polo tanto, haberá centros que non conten co persoal que precisan ata ben entrado o mes de setembro.

Aumento da precariedade

Outro fenómeno que sorprende negativamente cando se analizan as vacantes pendentes por especialidades é o incremento das “medias interinidades”, isto é prazas a media xornada que supoñen salarios moi baixos para poder afrontar os prezos do alugueiro na maior parte de cidades e vilas galegas ou do transporte. Como exemplo, das 39 vacantes que quedaban pendentes de Matemáticas, 10 son medias xornadas ou na especialidade de Procesos Sanitarios hai dúas medias xornadas e só unha vacante a tempo completo pendentes. Neste sentido hai que ter en conta que con apenas 1.000 euros de soldo é difícil hoxe en día poder afrontar estes gastos básicos e o persoal substituto pode chegar a acumular 7, 8 ou máis substitucións ao longo do curso en distintas partes da xeografía galega.

A CIG-Ensino leva solicitado reiteradamente unha negociación específica sobre as condicións laborais do persoal substituto que nos últimos anos segue sen cobrar o verán malia ser un dereito que aparece recollido nun acordo asinado pola Consellaría cunha minoría sindical, segue sen poder acoutar as zonas xeográficas nas que traballar, como acontece noutras administracións, segue sen poder renunciar a traballar por coidado de fillos/as até os 12 anos ou sen ningunha xustificación durante un máximo de cursos e segue sen obter resposta a ningunha das súas demandas por parte da administración.

Volver