Un chamamento aos docentes, en primeira liña pola educación de calidade!

5 de outubro. Día Mundial do Profesorado

Neste ano 2013 a Internacional da Educación, organización internacional que agrupa a 401 organizacións sindicais e máis de 30 millóns de docentes de todo o mundo, da que a CIG-ENSINO é membro fundador, celebra unha vez máis o Día Mundial do Profesorado.

“Un chamamento aos docentes, en primeira liña pola educación de calidade!” é o lema co que celebramos este ano a data que foi instituída pola UNESCO no 1994 por corresponder ao día en que no ano de 1966 se fixo pública a Declaración conxunta UNESCO/OIT sobre a Situación do Persoal Docente, sendo esta conmemoración unha mostra de recoñecemento internacional á contribución vital do profesorado á educación e ao desenvolvemento das sociedades dos distintos países.

A Internacional da Educación e os sindicatos que dela formamos parte asumimos como nosa esta data e queremos reivindicar o papel imprescindíbel dos e das docentes na nosa sociedade, papel moitas veces infravalorado. Ao mesmo tempo queremos denunciar a situación de compañeiros e compañeiras docentes que en diversos países do mundo seguen a ser perseguidos, detidos e incluso asasinados por desenvolver o seu labor profesional.

Neste 2013 a CIG-ENSINO quere salientar ademais do labor profesional diario do profesorado a súa presenza en primeira liña en todas as mobilizacións que se están a desenvolver en contra dos recortes en materia educativa, contra a LOMCE e en defensa dun ensino público galego. Unhas mobilizacións que vehiculizadas por medio da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público están a acadar o apoio dos outros integrantes da comunidade educativa e de sectores cada vez máis importantes da nosa sociedade que adquiren conciencia da necesidade de defender e potenciar o ensino e todos os servizos públicos, como garantía dunha sociedade maís xusta que loita contra as desigualdades e busca garantir a formación das novas xeracións como camiño para o progreso social.

Por todo isto neste Día Internacional do Docente 2013 ademais de parabenizar aos milleiros de compañeiros e compañeiras que son pilares do ensino público en Galiza animámolos a non deixarse levar polo desánimo diante das agresións que estamos a recibir como colectivo, a organizarse e a seguir pelexando polos dereitos como colectivo profesional e pola capacidade para que Galiza poida deseñar un sistema público de ensino axeitado ás súas necesidades e tendo como lingua vehicular o galego.

E nesa pelexa animamos  a participar na folga xeral contra a LOMCE o 24 de outubro e no que resta até ese día a intensificar o labor de explicación das razóns que nos levan a rexeitar ese proxecto de lei.

Volver