Un 19% das prazas nas oposicións docentes fican sen adxudicar
A cifra é tres puntos superior á convocatoria do 2018 e confirma unha tendencia á alza nos últimos anos, especialmente centrada nas especialidades de secundaria
Unha vez que se coñecen os resultados de todos os tribunais das diferentes especialidades nas que se convocaron oposicións a corpos docentes, confírmase a reiterada denuncia efectuada pola CIG-Ensino do inflado de prazas efectuado pola Consellaría de Educación: das 2064 prazas vendidas como nova cifra “histórica” polo equipo de goberno da conselleira, só se cobren 1671, unha cifra inferior á da convocatoria de 2018, na que se adxudicaron 1723 prazas dun total de 2050 ofertadas.
A maior parte das prazas que fican desertas proveñen da convocatoria de promoción interna ou acceso. A CIG-Ensino xa denunciara na Mesa Sectorial na que a Xunta impuxo unilateralmente a oferta de emprego que se estaba a incrementar estas prazas máis alá do mínimo fixado pola normativa legal para poder vender que se superaba novamente a cifra de 2000 prazas na OPE. Así, dun total de 276 prazas ofertadas (14 máis que no 2018) só se cubriron 17 (por 21 do ano anterior).
|
ESPECIALIDADES CON PRAZAS DESERTAS |
PRAZAS OFERTADAS |
PRAZAS ADXUDICADAS |
PRAZAS DESERTAS |
|
004 Lingua castelá e literatura |
55 |
54 |
1 |
|
005 Xeografía e historia |
55 |
51 |
4 |
|
006 Matemáticas |
120 |
97 |
23 |
|
061 Economía |
65 |
63 |
2 |
|
101 Administración de Empresas |
50 |
44 |
6 |
|
105 Formación e Orientación Laboral |
60 |
40 |
20 |
|
107 Informática |
30 |
16 |
14 |
|
111 Organización e Procesos de Mantemento de Vehículos |
20 |
13 |
7 |
|
112 Organización e Proxectos de Fabricación Mecánica |
15 |
13 |
2 |
|
116 Procesos na Industria Alimentaria |
15 |
13 |
2 |
|
124 Sistemas Electrónicos |
15 |
14 |
1 |
|
209 Mantemento de Vehículos |
30 |
21 |
9 |
|
211 Mecanizado e Mantemento de Máquinas |
18 |
15 |
3 |
|
033 Francés (Primaria) |
70 |
32 |
38 |
Nas probas de ingreso destacan novamente especialidades dos corpos de profesorado de ensino secundario (PES) e de formación profesional (PTFP), xa que dun total de 1018 prazas entre ambos corpos só aprobaron 922 aspirantes, ficando sen cubrir 96 prazas, perto dun 10% do total. No caso do corpo de mestres a única especialidade na que non se cubriron todas as prazas volve ser de novo Francés, na que son máis as prazas desertas que as cubertas (38 e 32 respectivamente).
Entre as especialidades nas que non se cubriron todas as prazas destacan, ademais da especialidade de Francés no corpo de mestres, a de Informática, co perto da metade de prazas sen adxudicar, FOL, Organización e Procesos de Mantemento de de Vehículos (PES) ou Mantemento de Vehículos (PTFP) todas eles con ao redor dun terzo de prazas vacantes. Matemáticas volve de novo a deixar prazas desertas, nesta ocasión cun 19% de prazas sen adxudicar.
Nin concurso oposición nin mellora no desenvolvemento das oposicións
Con independencia da actuación dalgúns tribunais que, desde a CIG-Ensino, consideramos fóra de lugar, o sindicato centra de novo as súas críticas na Consellaría de Educación, que ten na súa man a posibilidade de mudar a dinámica que se asentou nestes últimos anos nas oposicións docentes, ao desaparecer na maioría das especialidades dos corpos de secundaria a posibilidade de cumprir o modelo legal asentado para acceder aos corpos docentes, que non é outro que o concurso-oposición.
O feito de que a Consellaría faga ouvidos xordos ás propostas que desde a CIG-Ensino lle vimos trasladando para diminuír a carga de traballo dos tribunais e para garantir, na medida do posíbel, o anonimato das persoas aspirantes, está de novo a provocar unha criba absolutamente desproporcionada na 1ª fase da oposición. Así, pouco máis do 16% das aspirantes en secundaria superou a 1ª proba, por un 21% no corpo de mestres. O elevado número de aspirantes por tribunal e o feito de que estes teñan asignados cometidos que podería facer a Consellaría, como é a baremación da fase de méritos, xunto co escaso tempo do que se dispón para rematar todo o proceso, implica que en moitos casos esa criba se dispare ás cifras que vemos nesta convocatoria.
Mais se o filtro desproporcionado é un resultado inxusto, no que o criterio non parece ser a selección das persoas que cumpren os criterios de avaliación para superar a primeira parte da oposición senón seleccionar un número delas que faga máis asumíbel para os tribunais poderen rematar correctamente os seus traballos, o que xa non admite ningún tipo de escusa é a decisión maioritaria nos tribunais de secundaria de impedir que superen a 2ª fase máis aspirantes que prazas se ofertan.
|
oposicións docentes 2019 |
corpo de mestres |
secundaria (todos os corpos) |
a2-a1 |
total ingreso e acceso |
total ingreso |
|
PRAZAS OFERTADAS |
770 |
1.018 |
276 |
2.064 |
1.788 |
|
PRAZAS CUBERTAS |
732 |
922 |
17 |
1.671 |
1.654 |
|
DIFERENZA |
38 |
96 |
259 |
393 |
134 |
|
Porcentaxe de prazas sen cubrir |
4,9 % |
9,4 % |
93,8 % |
19,0 % |
7,5 % |
Así, a diferenza é total ao respecto dos tribunais do corpo de mestres. Mentres que nas especialidades do corpo de mestres superan a fase de oposición 1,4 aspirantes por praza, accedendo ao concurso 1100 para 770 prazas, no caso das especialidades de secundaria o acceso á fase de concurso é unha falacia: nin sequera chegan a fase de concurso unha persoa por praza, quedando en 960 aspirantes para 1018 prazas. É obvio que esta diferenza amosa unha consideración ben diferente por parte dos diferentes tribunais que, desde o punto de vista da CIG-Ensino non ten xustificación. Desde o sindicato apelamos novamente os tribunais para que se cumpra coa intención clara do acceso á función docente mediante o concurso oposición e trasladaremos de novo á administración educativa propostas que, malia o restritivo marco legal estatal no que nos movemos, poidan introducir cambios e melloras substanciais no desenvolvemento das probas selectivas e nas garantías das persoas aspirantes.
Novas relacionadas

