Tres organizacións sindicais volven esixir dignidade nos sectores de menores, discapacidade e educación infantil 0-3 diante do edificio de Política Social en Ourense

Chaman á responsabilidade e a seriedade a Fabiola García e a Alfonso Rueda para dar solución ao conflito aberto nestes tres sectores esenciais

Sobre un cento de delegados/as da CIG-Ensino, CUT e SNEP concentráronse diante do edificio administrativo dos servizos sociais da Xunta de Galicia en Ourense, A casa de Chocolate, en solidariedade coa problemática e conflitividade laboral nos centros de menores máis grandes e de referencia na Galiza, como son os de Monteledo, Montefiz, Montealegre e Trama; para reforzar os “mércores en loita” dos centros de traballo e para berrar ben alto, unha vez máis, que o persoal traballador dos sectores de discapacidade, menores e educación infantil 0-3 non vanpermitir que se siga ignorando o seu traballo e a calidade da atención que prestan.

Así o expresou o responsable da CIG-Ensino na privada, Henrique García, que ademais engadiu que levamos anos tendendo a man ao diálogo e negociación, pedimos reiteradas veces unha xuntanza coa Conselleira de Política Social, Fabiola García, e cal foi a resposta? O silencio. Un silencio que é un desprezo absoluto aos axentes sociais e ás miles de persoas traballadoras que representamos, así como aos milleiros de usuarios e usuarias deste servizo social, que tamén demandan un servizo esencial de calidade.

O delegado de persoal de Monteledo Germán Estévez, agradeceu a solidariedade, apelando á situación e unión dos tres sectores: Centros de Menores, Discapacidade e Educación Infantil. Falou en nome de Monteledo, Montefiz, Montealegre e Asociación Centro Trama, mais tendo presente que aínda que son centros que aglutinan aproximadamente 200 traballadoras e traballadores, reflexa a situación de varios centos máis. A loita que levan dende hai máis dunha década pola precarización laboral e salarial continua, a merma nos recursos viuse agravada despois da pandemia. Hai máis de dous anos que se leva demandando interlocución por parte da Consellaría de Política Social sen que a Conselleira atendese a demanda. Esíxesenos resultados, que a atención sexa excelente, pero non hai reciprocidade por parte da Xunta de Galiza, con aumento dos prezos, das hipotecas, dos alugueres, porén os salarios, en palabras de Germán están fosilizados. É preciso un complemento autonómico galego xa, que dignifique salarios, reducir as ratios, mellorar instalacións e recursos materiais e humanos, así como a proteción real de persoal traballador e usuarios/as, no camiño dun convenio galego e para cada un destes sectores. Estase a pedir dignidade."

As tres organizacións sindicais manifestaron que a prioridade debe ser mellorar as condicións laborais, sociais e salariais dos 3 sectores mediante negociación colectiva, abrindo o Marco Galego de Relacións Laborais nestes sectores a través do Consello Galego de Relacións Laborais, no camiño de acadar acordos e convenios dignos e xustos na Galiza. No inmediato, segundo Henrique García, apostan por forzar a negociación de melloras complementarias que permitan incrementar salarios con complementos autonómicos (na liña do acadado en menores, sendo este o exemplo a seguir nos outros dous sectores, discapacidade e infantil 0-3, polo que non desesperemos porque a loita da froitos e é o único camiño), reducir ratios e mellorar condicións laborais, así como os recursos materiais e instalacións nos tres sectores.

A Xunta de Galicia é a responsable de que hoxe esteamos na rúa. Co seu "ninguneo" e a súa negativa a negociar non nos vai levar a dar un paso atrás na defensa da mellora das nosas condicións laborais e salariais, da baixada das ratios, da redución da carga de traballo e na obtención de salarios xustos a través dun complemento autonómico. Se a Consellería non abre unha vía de diálogo real e non dá pasos para dignificar os servizos sociais, o conflito non fará máis que medrar en mobilizacións non descartando no futuro novas xornadas de paro nos tres sectores.

Pola dignidade laboral! Polo futuro dos servizos sociais e de calidade!
Conselleira, escoita: a educación e os coidados non se desprezan!

Ao remate da concentración delegadas de cada un dos sectores leron un manifesto no que  esixiron unha vez máis con firmeza e para cada un dos sectores o seguinte:

Discapacidade (incluído o servizo de atención temperá na Galiza)

-Aplicación inmediata do total dos incrementos salariais recollidos no XVI Convenio Estatal por parte da administración, que agora mesmo están a asumir as Asociacións, repetíndose o mesmo que o ano pasado.

-Constitución dunha Mesa tripartita (administración, sindicatos e patronais) coa finalidade de dignificar os salarios coa creación dun Complemento salarial autonómico.

-Maior dotación de recursos humanos e materiais, así como baixada das ratios, que garanta unha maior seguridade e mellor coidado tanto do persoal traballador coma das persoas con discapacidade.

Menores

- Que se cumpra coa totalidade do pago por parte da administración ás Asociacións e estas, coa aplicación inmediata a todo o persoal traballador desde a publicación no BOE do “acordo retributivo equiparador autonómico galego”, recentemente asinado pola parte social e patronal do sector de menores, para así cobrar as táboas salariais aprobadas no V Convenio Estatal, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos,ou ate setembro de 2029 como di o convenio.

-O recoñecemento dun complemento autonómico, previa constitución dunha Mesa tripartita galega, que mellore e dignifique salarios actuais do V convenio e camiñe cara á homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos tipos de centros, sen ter que esperar a setembro de 2029 para dita homologación.

-A dotación urxente de máis recursos humanos e materiais, así como a mellora das instalacións en todos os centros, garantindo a seguridade e coidado tanto para o persoal traballador como para os menores.

Infantil 0-3

- Solicitude á Consellería da integración das escolas infantís na Consellería de Educación, recoñecendo o seu carácter educativo fronte ao asistencial.

- Unificación das táboas salariais do XIII Convenio estatal, en base á gratuidade da Xunta para todo o sector, confluíndo todas as táboas nas tipo A) de Xestión Indirecta.

- Creación dunha Mesa tripartita galega para traballar no recoñecemento dun complemento autonómico, que dignifique salarios, así como negociar a baixada das ratios e a mellora da calidade educativa.

- A dotación urxente de máis recursos humanos (parella educativa) e recursos materiais.

Volver