Tres meses despois do anuncio da Consellaría constitúese a comision negociadora do Plan de Igualdade para o profesorado

Despois dos atrasos inxustificados e das continuas demandas da CIG-Ensino vén de constituírse formalmente a comisión negociadora do Plan de Igualdade para o persoal docente.

A composición da comisión negociadora respecta a paridade entre Consellaría e sindicatos e, entre estes, a súa representación na Mesa Sectorial, correspondéndolle á CIG-Ensino a maioría. Na reunión constitutiva foi aceptada a proposta da CIG-Ensino de que o futuro Protocolo de Acoso inclúa todos os tipos de acoso que se poidan producir nos centros de ensino.

Así, é o día de hoxe cando se pon o contador a cero para o prazo máximo de un ano no que deberá negociarse e elaborarse o Plan de Igualdade de aplicación para todo o profesorado dos centros públicos galegos.

Na reunión constitutiva negociouse o regulamento de funcionamento da propia comisión, incorporándose as achegas da CIG-Ensino na práctica totalidade.

Destacamos desta primeira reunión que, como foi reclamado pola CIG-Ensino, o futuro Protocolo de acoso incluirá todos os tipos de acoso que se poidan producir nos centros de ensino. Este deberá promover condicións de traballo que eviten as condutas que atenten contra a liberdade sexual e a integridade moral no traballo.

Unha vez acordados os datos estatísticos do curso actual, que precisaremos para iniciar os traballos de diagnose, a administración educativa comprometeuse a proporcionárnolos no mes de setembro, para cando quedou prevista a vindeira reunión.

Volver