Traballadoras/es das escolas infantís de 0-3 anos saíron á rúa coa CIG demandando un convenio galego digno e xusto
A CIG-Ensino mobiliza neste 1º de maio o sector de infantil de 0-3 anos na Galiza, denunciando a sinatura do XII Convenio Estatal de Infantil por seguir afondando na precariedade laboral e salarial e por ser rexeitado maioritariamente polas traballadoras.
Neste 1º de maio no que a CIG saíu á rúa co lema Recuperemos os dereitos para avanzar e lograrmos na Galiza emprego, salarios, dereitos laborais e pensións dignas, as traballadoras/es das escolas infantís de 0-3 anos tamén saíron, mobilizadas pola CIG-Ensino, en Santiago, A Coruña, Vigo, Ferrol e Lugo portando faixas reivindicativas co lema “POR UN CONVENIO DIGNO E XUSTO” e demandando a retirada da sinatura, o próximo 22 de maio, do XII Convenio Estatal de Infantil por seguir afondando na precariedade laboral e salarial e por ser rexeitado maioritariamente polas traballadoras/es do sector.
A CIG-Ensino seguirá presionando ás oo.ss. asinantes e á patronal e levará a cabo unha recollida de sinaturas entre as traballadoras/es do sector, para frear este acordo carente de negociación, impositivo, precario e fraudulento.
Dende a CIG-Ensino entendemos que debemos seguir mobilizando o sector coa finalidade de lograrmos un CONVENIO DIGNO E XUSTO, con melloras reais laborais e salariais, pero non só no ámbito estatal, onde cambiar as dinámicas pactistas e entreguistas das demais OO.SS é prácticamente imposible, como se vén constatando convenio tras convenio, senón nun marco galego de negociacións para loitarmos por un CONVENIO GALEGO. Esta é a vía que sempre defendemos dende a CIG-Ensino, capaz de acercar as negociacións aos traballadores/as, para que poidan decidir e conquerir, como outras CC.AA do estado, un convenio digno e xusto e de carácter galego.
Esta vía non a comparten as demais OO.SS non asinantes deste convenio polo que dende a CIG-Ensino levaremos a cabo unha recollida de sinaturas, cun manifesto reivindicativo no que se deixe claro cales son os verdadeiros intereses das traballadoras/as galegas/os do sector de E.I. na etapa 0-3. Esta campaña terá un dobre fin:
- Frear a sinatura do convenio nestas condicións tan precarias.
- Loitarmos por un convenio de ámbito galego que atenda ás nosas reivindicacións.
![](files/novas/2019/05/20190502%20manifestacion%201%20maio%20convenio%20infantil%20%284%29.jpg)
CIG Informa mobilización das traballadoras de Ensino Infantil o primeiro de maio por un convenio galego
Novas relacionadas