Traballadoras e traballadores dos tres centros de menores de Ourense concentráronse esta mañá reclamando un convenio galego que dignifique as súas condicións laborais
Coincidindo coa acción reivindicativa "Mércores en Loita" a maioría dos 150 empregados e empregadas dos centros de Monteledo, Montefiz e Montealegre reclamou a intervención da conselleira de Política Social para rematar coa súa precariedade.
Hoxe 25 de febreiro de 2026 houbo unha concentración de traballadoras e traballadores dos centros de menores de Monteledo, Montefiz e Montealegre, sector de protección de menores e de reforma xuvenil e da CIG para reclamar unha xuntanza coa conselleira de Política Social da Xunta de Galiza, Fabiola García, para trasladarlle as súas reivindicacións laborais, sociais e salariais, así como que se garanta a máxima calidade e seguridade tanto para o persoal traballador como para os usuarios e usuarias e se dote os centros de traballo de recursos materiais e didácticos axeitados e de instalacións dignas.
A conselleira de Política Social non se reuniu cos representantes legais do persoal traballador despois de telo socilitado en múltiples ocasións, de terse manifestado, de entregar sinaturas co afán de reclamar melloras laborais, sociais e salariais, por un convenio galego. É impresentábel que non escoite un sector tan vulnerábel como o da atención aos menores que están en réxime de tutela da Xunta ou nos centros de reforma xuvenil. A indiferencia amosada neste tempo pola máxima responsábel de velar por este colectivo demostra que o seu departamento non está poñendo a atención ás persoas como prioridade dentro das súas políticas sociais.
Os traballadores presentes na concentración reclamaron que de forma urxente se invista nestes centros sen ánimo de lucro e que a conselleira se implique na negociación dun convenio galego digno, o único camiño para unhas mellores condicións laborais, salariais e sociais, así como para un mellor servizo de calidade aos usuarios e usuarias. "É obriga da administración velar pola protección e seguridade tanto do persoal traballador dos centros, nos que se atenden maioritariamente a menores vulnerábeis pero tamén a aqueles que cumpren internamento tras a comisión de diversos tipos de delitos", salientaron.
As ratios de persoal/educador que ten que atender quendas de 24 horas por usuario son moi altas. Os usuarios e usuarias teñen idades moi dispares, con necesidades tamén moi diferenciadas, con trastornos de conduta, discapacidade e na práctica totalidade dos casos nunha situación moi vulnerábel desde o punto de vista social e familiar. "É inviábel garantir unha boa atención coa escasa achega económica que teñen estes centros; cada mozo ou moza precisa antes de nada a estabilidade do seu persoal e iso só se garante con condicións dignas", sentenciaron.
Convenio galego digno, a reivindicación do sector
O V convenio estatal de centros de reforma xuvenil e de protección de menores é rexeitado por polo que é preciso abrir un Marco Galego de Relacións Laborais no sector, toda vez que as competencias tenas todas a Xunta de Galiza. Reivindicamos unhas táboas salariais autonómicas nas que en todos os centros, sen excepcións, o persoal cobre xa en 2026 as novas táboas asinadas no V Convenio estatal e non teñan que esperar a novos pregos de contratación ou a 2029, máis un complemento autonómico que dignifique estes salarios, tal e como esixe a CIG-Ensino que se negocie, con vistas a acadarmos a curto prazo o I Convenio Galego de Atención a Menores.
O camino está iniciado e non ter volta atrás, continuarán as mobilizacións do colectivo en busca de acadar os obxectivos enumerados.

