Traballadoras de Pangea reclaman a readmisión da compañeira despedida por “atreverse” a convocar eleccións sindicais

A CIG-Ensino quere denunciar a persecución e represión sindical que a empresa Pangea Escuela Viva, SL está a exercer contra as traballadoras da escola

A empresa comunicaba a semana pasada o despedimento a unha das docentes alegando motivos disciplinarios, mais para a CIG esta medida é unha clara represión sindical contra a traballadora despedida e contra todas as demais traballadoras por teren convocado as eleccións sindicais no centro de traballo, xusto uns días antes.

Para denunciar esta actuación antisindical e os incumprimentos laborais e salariais por parte da empresa con todo o persoal, a central desenvolveu esta tarde unha concentración diante da escola, situada en Arteixo. Ademais, se a empresa non recúa nas súas actuacións e teima no seu comportamento antisindical e antidialogante, as traballadoras xa acordaron en asemblea ir á folga os días 12, 13, 14, 15 e 16 de decembro.

A traballadora leva catro anos nesta empresa sen que até o momento recibira nin unha soa amoestación, queixa, aviso verbal ou escrito da empresa, máis ben todo o contrario, segundo defenden as súas compañeiras, e os pais e nais dos seus alumnos e alumnas. Pero o mércores 23 de novembro, sen motivo obxectivo algún, tíñanlle os papeis preparados e antes de comezar a súa xornada, a dirección entregoulle a carta de despedimento, alegando actitudes e feitos falsos e inxustificábeis.

Incumprimentos laborais continuos

Para a CIG-Ensino esta decisión é unha clara represión contra a traballadora e un intento de amedrentar ao resto das súas compañeiras para que non reclamen os seus dereitos nin se organicen sindicalmente.

Hai que subliñar que as traballadoras levan dende que comezaron a traballar padecendo incumprimentos laborais e salariais do convenio como contratacións en fraude, categoría profesional inferior á que lles corresponde, realización de exceso de xornada, ou o non cobro nin goce das vacacións, entre outras cuestións. Ademais, non se lle respectan dereitos sociais tales como a gratuidade escolar das crianzas das persoas traballadoras.

Ante a falta de solucións ás súas demandas, as traballadoras decidiron organizarse coa CIG e convocar eleccións sindicais, as cales se preavisaron o venres 18 de novembro. "Nese momento, explica a CIG-Ensino, tan pronto lle comunican a convocatoria das eleccións sindicais o martes 22, foi cando a dirección da empresa decidiu, aínda non nove horas despois e por burofax, despedir a esta traballadora, coa intención de amedrentar ao resto de compañeiras e que desistan de facer eleccións e reivindicar os seus dereitos".

Non parecéndolle abondo o despedimento, as propietarias da empresa están a facer unha campaña de ameazas, acoso e presión ás traballadoras a través de reunións individuais e colectivas.

A CIG-Ensino xa solicitou por varias veces reunión coa empresa, ás que esta deu largas nun principio e logo rexeitou sen dar máis explicacións que as da carta de despido entregada á traballadora, 1º por burofax e ao día seguinte en man, botándoa literalmente do seu posto de traballo e diante das crianzas.

O resto das traballadoras, moi afectadas pola decisión da empresa, decidiron trasladarlle a esta por escrito o seu rexeitamento a tal decisión, cualificando a carta de despido como unha sarta de falsidades e descualificacións inxustas, esixindo a readmisión da compañeira despedida, pois non só cumpre coas súas funcións, senón que é exemplar no seu traballo docente e moi querida por toda a comunidade educativa.

Ademais, as traballadoras contan co apoio  dos pais e nais das crianzas, con quen xa tiveron  unha xuntanza para explicar o acontecido, dada a postura de silencio da empresa de cara ás familias (ás que nin sequera quixo recibir para informar do que está acontecendo no centro) e o nivel de intoxicación por parte da empresa.

Volver