Traballadoras das escolas infantís da Coruña reclámanlle ao Concello condicións laborais e salariais dignas

Critican que o Goberno municipal non atendeu as demandas para enfrontar a precariedade e mellorar a atención ás crianzas

Traballadoras da rede de escolas infantís municipais 0-3 do Concello da Coruña concentráronse na tarde deste martes na Praza de María Pita, ante a falta de resposta por parte do Goberno local ás demandas para atallar a precariedade laboral e salarial que padecen e mellorar a atención ás crianzas.

O colectivo de traballadoras trasladou xa no pasado mes de abril unha táboa reivindicativa ao concelleiro de Educación reclamando que se destinen maiores partidas orzamentarias para as escolas infantís municipais que repercutan directamente nas 110 traballadoras "dignificando os nosos salarios". Porén, os compromisos do Concello neste sentido non se teñen trasladado até agora en ningunha medida concreta.

Hai que lembrar que as oito escolas municipais (Cativos, Luís Seoane, Roseiras, Caracola, Agra do Orzán, Arela, Montealto e Carrianta) son propiedade do Concello da Coruña, pero a súa xestión está privatizada e que convenio que se lle aplica ao persoal é o estatal de educación infantil, cuxas negociacións están estancadas dende 2021 e que contempla condicións salariais e laborais de miseria.

Coa vista posta novo proceso de adxudicación do servizo, as traballadoras non só reivindican mellores condicións salariais, senón tamén melloras do calendario escolar e dos horarios "para que tamén nós teñamos dereito á conciliación da vida laboral e familiar", e melloras de tipo social como prioridade nas prazas para as crianzas do persoal traballador das propias escolas.

No aspecto educativo, piden unha baixada das ratios nas aulas, ou que se doten de parella educativa -como xa se fai nas Galiñas Azuis no propio concello-, para mellorar a vida das nenas e os nenos nas escolas e o traballo das educadoras, así como do resto do persoal. A este respecto,reclaman tamén asegurar unha atención adecuada ao alumnado con necesidades educativas especiais mediante a dotación dos recursos materiais e humanos necesarios para a detección temperá e os coidados apropiados.

Volver