Todos e todas á folga xeral

Érguete contra a política de liquidación de dereitos e servizos públicos

O próximo mércores 14 de novembro animámoste a que participes na folga xeral para amosar o rexeitamento do profesorado e da sociedade no seu conxunto á política de liquidación dos dereitos dos traballadores e traballadoras practicada polo PP. Súmate a esta folga para evitar que o Goberno galego e o do Estado continúen a utilizar a crise económica como pretexto para deteriorar, desmantelar, recortar e privatizar o ensino e os servizos públicos no seu conxunto. Na túa a man está que a folga sexa un éxito.

A crise económica sérvelle ao PP de pretexto para deteriorar, desmantelar, recortar e privatizar os servizos públicos e empeorar a calidade do ensino. Desaparece a oferta de emprego público, despídense miles de traballadores/as públicos e aplícanse ERE na administración pública, para desmantelar o carácter público de diferentes servizos e despois entregarllos á empresa privada.

Con  esta folga combateremos a contrarreforma educativa que pretende avanzar na privatización e na mercantilización da educación, na españolización do sistema educativo galego e na conformación dun ensino elitista e clasista para impedir o acceso das clases populares á educación, liquida a xestión democrática dos centros e recorta os dereitos laborais e profesionais do profesorado, desvalorizando, aínda máis, o seu traballo. Unha contrarreforma coa que o PP pretende seguir subvencionando totalmente os centros que segregan alumnado por razón de xénero e reforzar a confesionalidade, ao continuar a materia de relixión formando parte do currículo escolar. Procúrase un sistema educativo cada vez menos equitativo. Elimínase o dereito universal á educación, desbotando a igualdade de oportunidades e negándonos un ensino público, galego, científico e laico.

Temos que erguernos contra a política demoledora do PP ao ensino público.  O recorte permanente do profesorado nos centros, a destrución de máis de 2.000 postos de profesorado, o despedimento de miles de interinos/as, a obriga de impartir materias afíns a máis de mil profesores/as, o incremento do horario lectivo do profesorado, o aumento do número de alumnado por aula, a supresión de 332 unidades e peche de 47 centros no ensino público, o agrupamento de alumnado de diferentes idades e niveis en 132 unidades, a liquidación do programa de Preescolar na Casa, a redución de 425 millóns de euros nos orzamentos nos tres últimos exercicios, o desvío, cada ano, de 250 millóns de euros ao ensino privado, dentro do que se insiren os centros que segregan alumnado por razón de sexo; a creación de 27 unidades no ensino concertado e a continuación do asañamento coa nosa lingua, coa redución dos orzamentos dos equipos de normalización nun 69%, ao mesmo tempo que se desfixo dos libros de texto por estaren en galego, despois de ter desembolsado entre 5 e 8 millóns de euros.

Temos que facerlle fronte a esta barbarie devastadora dos nosos dereitos laborais, sindicais e profesionais que amplían o noso horario lectivo, mentres aumenta o alumnado por aula; reducen o noso salario en máis dun 20%, non  cobren as baixas, eliminaron a paga extraordinaria de Nadal, subiron a cotización a MUFACE e clases pasivas, penaliza enfermar ao descontar parte ou a totalidade do noso salario, liquidaron a xubilación LOE e agora pretenden reformar as pensións para reducilas e eliminar a posibilidade da xubilación anticipada, modificando a Lei das Clases Pasivas pola que nos podemos xubilar ao ter cumpridos os 60 anos e ter 30 anos ou máis de servizo.

Temos que rebelarnos, tamén, porque o Goberno do estado pretende aprobar uns orzamentos para o ano 2013 que continúan conxelando o noso salario sobre a redución que vimos soportando desde xullo de 2010, e que, na práctica, imposibilita a oferta de emprego, ao limitar a cobertura de prazas ao 10%, é dicir, só unha de cada 10 das que se produzan. En consecuencia, menos profesorado, máis paro, máis alumnado por aula, menos calidade de ensino.

Podes consultar todo o referente á folga xeral na seguinte páxina web da CIG

http://folgaxeral.galizacig.com/

Horarios e lugares de saída e remate das manifestacións convocadas para ese día:

-Vigo: ás 11:30 horas, desde a Praza de España, até a Praza de América.

-Pontevedra: ás 12:30 h, desde a Praza da Ferrería, até a Subdelegación do Goberno.

-Vilagarcía: ás 12:00 horas, desde a Casa do Mar até a Praza Ravella

-Ourense: ás 12:00 horas, desde o Pavillón dos Remedios até a Subdelegación do Goberno.

-Compostela: ás 12:00 h, desde a Praza Roxa até a Praza de Praterías.

-Lugo: ás 12:00 horas, desde a Casa Sindical, na Ronda da Muralla, até a Praza de Santa María.

-A Coruña: ás 12:00 horas, desde a Praza da Palloza até a Praza de María Pita.

-Ferrol: ás 12:00 horas, desde a Praza do Inferniño até a Praza de Armas.

-Burela: ás 12:00 horas, desde a Estación de Servizo Vista Alegre, até a Praza do Concello

-Riberia: ás 12:00 horas, desde a Estación de Autobuses até a Praza do Concello.

-Monforte: ás 19:30 horas, desde a Praza de España até a Praza da Estación.

Volver