Todo o que debes saber sobre como che pode afectar o coronavirus se traballas no sector do ensino privado

O sindicato defende que se paralice de inmediato toda actividade que nestes momentos non sexa esencial para a xestión desta crise sanitaria e para garantir os subministros básicos para evitar de forma eficaz a expansión do virus Covid-19

A CIG-Ensino recompila información de interese sobre as problemáticas laborais que se poden producir por mor desta crise dirixida a traballadoras de escolas infantís, centros de atención á discapacidade, centros privados e concertados de ensino, academias, autoescolas, escolas de música...

Ante as dúbidas e a incerteza xerada na clase traballadora por mor da aplicación do Estado de alarma debido á expansión do coronavirus a CIG vén de crear un apartado na súa web no que recolle toda a información útil sobre como esta crise sanitaria está afectando ás relacións laborais e como protexermos os nosos dereitos como traballadoras. Esta información é de interese para todo o persoal que traballa en centros privados ou concertados de ensino, así como tamén noutros sectores educativos privados ou en réxime de concesión pública: escolas infantís, centros de atención a persoas con discapacidade, centros de menores, autoescolas, academias e outros centros de ensino non regulado.

Neste espazo informativo preténdese dar resposta ás cuestións máis comúns que se están a repetir estes días: problemas para conciliar o traballo co coidado de crianzas e familiares a cargo, persoas que foron diagnosticadas co virus ou que teñen que manter corentena por estar en contacto con este, modificación substancial das condicións de traballo aproveitando esta crise, como a modificación do período de vacacións, aplicacións de ERTE´s por causa de forza maior, despedimentos, xestións ante o SEPE... Para calquera dúbida ao respecto destas cuestións e doutras que poidan xurdir aconsellamos consultar esta páxina e dirixirse preferentemente por correo electrónico ou por teléfono ao local do sindicato máis próximo. Lembramos que para minimizar as posibilidades de contaxio deben evitarse os desprazamentos innecesarios.

Neste sentido, a CIG vén de solicitar unha modificación do estado de alarma, aproveitando ademais que este vai ser prorrogado durante outros 15 días máis, para que se paralice toda actividade que non sexa estritamente esencial, na liña das medias adoptadas noutros estados ou zonas de gran afectación. Nestes momentos o único que debe primar é a seguridade sanitaria das persoas. Así mesmo tamén solicitamos que en todas as contratas que traballan para as administracións públicas, quer municipais, quer galegas “se garanta o mantemento dos contratos, polo tanto de todo o emprego, e a percepción íntegra dos salarios das traballadoras”.

Accede a toda a información de interese sobre como está a afectar a crise do coronovirus ás relacións laborais nesta ligazón

Volver