Tamén a convivencia vale para a propaganda e a censura. A resposta na rúa

Consello para a Convivencia Escolar con censura incluída

O Consello da Convivencia reuniuse esta semana, logo de pasar máis de un ano da anterior reunión, de novo para trasladar os datos que á Consellería lle interesa da enquisa de convivencia e censurando a presenza da CIG Ensino

Unha vez máis a Consellería utiliza o pleno do Consello para a Convivencia Escolar como instrumento propagandístico das súas políticas. Logo de ter a última reunión en xuño de 2024 volven convocar unha reunión na que o único punto da orde do dia é “Informe de diagnose da convivencia e hábitos sociais 2025”. Asistimos unha vez máis á exposición dunha serie de datos cuantitativos e conclusións totalmente sesgados e interesados xa que na documentación que se nos entrega o propio día da reunión expóñense 9 páxinas dun informe que carece de contexto ou de datos imprescindibles para recoñecer a fiabilidade e validez dos mesmos como, por exemplo, cal era a poboación á que se dirixía a enquisa e a mostra que respostou á mesma.

Carencias de contido e utilidade

A CIG-Ensino considera unha ousadía tirar conclusións sobre a convivencia nos centros partindo dos datos dunha enquisa na que a participación dos cinco colectivos que dan resposta só supera o 50% no caso do alumnado de ensino obrigatorio. Se se tivese acceso a todos os datos recollidos é probable que se puidesen tirar conclusións moi distintas das presentadas.

Na rolda aberta de intervencións desde a CIG Ensino trasladouse a discrepancia coa presentación dos datos traendo só a visión interesada da Consellería a este pleno e, por outro lado, levouse a opinión do profesorado que vive a realidade nos centros nos que día a día se ten que afrontar a casos relacionados coa convivencia aos que lle teñen que dar solución e resposta sen tempo, medios ou formación.

A presenza da CIG Ensino: censurada

Esta reunión do pleno celebrouse nun contexto de conflito sindical e convocatoria de folgas, manifestacións e accións reivindicativas na nosa liña de traballo polas melloras laborais do colectivo docente. A representante da CIG fíxoo portando unha camiseta na que se pode ver o lema “profesorado en loita”, a mesma vestimenta coa que acudía a representación do sindicato maioritario ese mesmo día á Mesa sectorial docente e coa que se recibiron aos responsábeis da Consellaría. Deste último órgano de neogociación non hai imaxes publicadas, non así da reunión do Pleno do Consello para a Convivencia na que a foto que publica a web da Consellería córtase de forma precisa para que non apareza a representante da CIG-Ensino que estivo alí.

As demandas sindicais e do profesorado

A CIG-Ensino reiterou as mesmas demandas xa trasladadas en anteriores plenos:

  • que se envíe a documentación con suficiente antelación
  • que se forneza de contido real a este Consello
  • que se dote de medios e recursos aos centros educativos para realizar todo o traballo de convivencia que cada día é maior e está sobrecargando ao profesorado
  • que se adopten medidas concretas como: a redución de 3 horas lectivas para a persoa responsábel de benestar e homologación retributiva coas xefaturas de departamento ou a creación oficial da figura de responsábel de coeducación e igualdade tamén con liberación horaria e complemento retributivo en todos os centros.

Por suposto non se deixou pasar a oportunidade de incidir en que a redución horaria e de ratios e a diminución da burocracia son piares fundamentais que dependen desta consellería e que de mudalos reverterían directamente na mellora da convivencia dos centros no seu máis amplo sentido.

Volver